eskizos “1989-1993”

Novembro 01, 2010

Como evidencia esta recuperación das súas gravacións, non eran poucos os que devecían por reivindicar as composicións desta banda coruñesa. Entre eles, o galego Marcos Collantes, que recupera no seu selo Mushroom Pillow os once temas que quedaran espallados nos seus dous EP’s oficiais, inéditos e directos: os EPs “I Can´t Stop”, editado en 1991 por Subterfuge, e “Turn Off The Light”, en 1993 por De Plástico Guay, ademais do “Fuckin’ Day”, que apareceu nunha recopilación do selo Subterfuge e dous temas en directo. Eskizos despedíronse en concerto na Playa Club en setembro de 1992, antes de gravar o que tería sido o primeiro LP. Xunto cos lucenses Los Contentos, foron a cabeza visible do son garaxe no país e, como adoita acontecer co paso do tempo, a súa valía foi algo esaxerada por esa temperá desaparición, pois se trata dunha banda revivalista de sons underground dos 60 e 70, con letras bastante básicas e abondo mimetismo. Iso si, souberon combinar as directrices de The Stooges, MC5, The Cynics co hard-rock duns Deep Purple, unhas pingas de glamour, psicodelia e abonda enerxía punk, como tamén facían os seus admirados e referentes a nivel estatal Sex Museum. Como lemos nunha entrevista en SonicWave Magazine, albíscase concerto de reunión e presentación deste recopilatorio.
Pepe Cunha 1-novembro-2010

AXENDA

Facebook