Eric Surmenian “Marée Basse – Itsas behera”

Setembro 02, 2024

“Gustará o público desta proposta de estilo inclasificábel? Non será demasiado clásico para o afeccionado ao jazz? Para o público de clásico demasiado contemporáneo, e/ou para o público do contemporáneo demasiado melódico?” Isto preguntábase o editor diante das pezas de contrabaixo solista que compoñen esta “Marea baixa”. Saídas dun espectáculo homónimo foron gravadas no auditorio do Conservatorio Crisóstomo Arriaga, ao vivo sen público, como se dunha actuación se tratase, coas capas creadas no mesmo acto canda os loops. O protagonista Eric Surmenian conta cunha longa e versátil carreira internacional e afonda nas propostas máis persoais desde o seu primeiro traballo como leader: “Aghtamar” (2007). Agora preséntanos unha performance inspirada pola auga e o mar, con liberdade estilística total e a sonoridade que tira do único instrumento.

Ese contrabaixo que levou Surmenian polo free jazz, a clásica, a improvisación libre, a música india … o que explica a riqueza, a fermosura e a curiosidade dun traballo insólito onde non caben prexuízos por parte da ouvinte. Como se dun feixe de instrumentistas se tratase, o contrabaixo canda os loops disfrázase, suxire, agóchase, moldéase, para que fechemos os ollos e deixemos voar a imaxinación. Como ben apuntan desde o selo Errabal Jazz Jazz (discográfica Hotsak), “Deberiamos escoitar Marée Basse como miramos o mar, sen ánimo de entendelo, tan só interiorizando e gozando dese beleza misteriosa que nos supera por completo”.

Ao igual que superan as descricións títulos como “Eau de source”, “Ría sucia, “Lágrimas de ballenas”, “Zeruarekin jolasten” (xogando co ceo) … nun total de oito pezas acompañadas dunha bóla extra, a peza detonante hai máis de cinco anos deste traballo: “Ama ur”, unha improvisación cun looper no club de jazz Altxerri de Donostia. No outro lado de calquera asomo de comercialidade, existen sonoridades comprometidas coa liberdade artística e a conciencia ambiental e esta é unha delas. A descubrir e a aguantar a envexa sá de quen puido escoitar estas músicas acompañadas da bailarina Araitz Lasa.

Pepe Cunha, 2-setembro-2024

AXENDA

Facebook