Entrevista a Fernando Fernández Rego, autor de “Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground”

Decembro 06, 2024

A editorial Galaxia vén de publicar un libro ben interesante e documentado con material abondoso e valioso: “Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground”. Ao longo de máis de 300 páxinas trátase daqueles tempos do faino-ti-mesmo, de transgresión, de imaxinación, de expresarse no audiovisual, os fanzines, na poesía, na plástica e, sobre todo, na música. Porén, non só lemos ao redor das cidades grandes, coa movida viguesa e o atlantismo coruñés á fronte, senón tamén do que aconteceu en Ferrol, Ourense e outras vilas das que agora ven a luz nomes agochados, de garage, rap e hip hop, pop, heavy ou hard rock. Aproveitamos a ocasión para entrevistar o seu autor, Fernando Fernández Rego (Ferrol, 1979).

Pepe Cunha: Cal foi a motivación para faceres este libro? Se cadra ten que ver con ideas ou material derivado do teu anterior libro “Unha historia da música en Galicia. 1952-2018” ? Talvez polo teu devezo pola escena underground? Sen dúbida esta escena daba para moito, como amosa este disco.

Fernández Rego: Cando escribía “Unha Historia” (2019) dinme conta de que os 80 daban para unha obra independente na que debería tratar as escenas máis esquecidas e ese underground máis esquivo e periférico que non puiden tratar aí por un problema fundamental de volume, iriámonos facilmente aos dous volumes para o libro. A contracultura sempre me pareceu fundamental á hora de entender as cousas, non só dende a perspectiva artística, senón tamén dende a perspectiva social e política. Nese senso, o libro creo que, coa perspectiva que permite o tempo, era unha obra necesaria. Se non creamos os documentos, a cultura popular esmorece e desaparece deixando pequenos rastros de carmín, que diría Greil Marcus.

PC: No libro hai nomes que partindo dun contexto alternativo ou subterráneo si asomaron a cabeza aos grandes medios: Os Resentidos, Siniestro Total, Golpes Bajos, Radio Océano, Aerolíneas Federales … Malia non ter a perspectiva do momento, pois eras un neno naqueles 80, coa análise e o pouso que imos facendo como analistas, cres que algúns máis merecían mellor sorte ? Personalmente, tes algunha debilidade persoal?

FR: Os grupos que acadaron o maior recoñecemento son os que estableceron contactos con Madrid. Os medios xeralistas estaban alí e nun mundo como aquel, con dúas canles de televisión maioritarias e mass media moi poderosos, o poder dar o salto en certo modo pasaba por alí. Logo están esas conxuncións astrais marabillosas que precipitan os acontecementos e aí entra a figura fundamental do ferrolán Jesús Ordovás. Un home valente, que radiou a maqueta inicial de Siniestro Total a nivel nacional, cando eran temas complexos e que podían traerlle problemas. Evidentemente, o éxito de Siniestro Total precipita todo.

Os implicados sempre me comentan que, en certo modo, eles o tiveron fácil no sentido que había unha gran interese por parte dos medios e das discográficos no que facían. Nestes casos, o talento está fora de toda dúbida, pero non creo que fose tan fácil para moitos outros grupos. De feito, hai moitos que quedaron en estado de maqueta sen posibilidades de medrar, e outros nin sequera maqueta gravaron. O que si que estaba claro, era que se despuntabas, e aparecías en escena, tiñas un camiño ao mellor máis sinxelo para poder medrar.

Hai moitos grupos que mereceron un recoñecemento, ou ao menos, poder ter continuidade: Los Contentos, Los Cafres, Metro (tiveron a mala sorte de adiantarse á eclosión da Movida uns anos), Bar.. pero entran en xogo moitos factores: dende o servicio militar que acabou con grupos como Metro (eran 18 meses obrigatorios), estar no momento adecuado no sitio adecuado, contactos, falta de medios, sorte… Eses grupo que comento, xunto con Terminal Norte (Ferrol, con Álvaro Lamas, introductor da steel guitar – gañadores do concurso de maquetas da Rockdelux, únicos galegos, xunto a Golpes Bajos, pero estes era aínda a revista Rock Especial) e Extrema Unción foron debilidades. Pero no libro ademais de música métome coa poesía, audiovisual, os fanzines… os vehículos da contracultura.

PC: Os medios xeneralistas tenden a simplificar o discurso, a centrarse nos nomes que diciamos antes ou mesmo a repetir un discurso sen cuestionalo ou revisalo. Consideras que quen nos especializamos máis en música e outras manifestacións culturais debemos exercer un labor de documentación ou crítica para un público menos conformista, digamos?

FR: É normal que a xente quede cos nombres fundamentais, porque estes seguen sendo moi importantes para varias xeracións de persoas. Pero segue faltando moita documentación e traballo. Da Movida Madrileña hai decenas de libros. Cando este é o primeiro que analiza os 80 en Galicia a nivel global, publicado en 2024, corenta anos despois. Está o libro de Emilio Alonso, “Vigo a 80 revolucións por minuto” (Xerais, 2011) ou o traballo gráfico de Víctor de las Heras, “Vigo: A Explosión dos 80” (Xerais, 2011), pero centrados en Vigo.

Fai falta que se tome conciencia de que a cultura popular é importante. Que hai que reivindicala, e que son importantes os libros, os documentos.

Con respecto ao aspecto crítico, coido que hoxe máis que crítica ou divulgación, prima a promoción e a promoción remunerada. Pouco periodismo con afán divulgador ou crítico vai quedando, e coido que iso é un problema.

PC: Se cadra a música chama moito a atención sobre aquela época, pero aquí reivindícase o mundo das revistas culturais alternativas, do fanzine, con nomes no recordo como La Naval ou Tintimán.

FR: Foron o vehículo fundamental desa cultura e contracultura. Os fanzines e as cassettes democratizan en certo modo todo. As fotocopias e as cassettes virxes. Non todo o mundo podía ir a Londres a mercar vinilos ou mercar revistas especializadas, pero todo o mundo, máis ou menos, podía gravar e fotocopiar.

Hai revistas como as que citas, como Tintimán -esteticamente e a nivel de contidos, espectacular aínda hoxe en día- ou La Naval, que seguen sendo modernas hoxe en día. E fanzines como El Patito Feo (Ferrol) totalmente reivindicables a día de hoxe. Había moita crítica e análese social nestas publicacións.

PC: Se xa reivindicar o que se facía en cidades galegas é saírse do habitual, resulta interesante que vaias un chisco máis alá e mergulles no que pasaba noutras vilas. Non debeu ser nada fácil conseguir tanto material gráfico, un dos puntos fortes do libro.

FR: Ao final os focos sempre están en Vigo e A Coruña, e para mín era fundamental profundizar e ir tamén a perifería, e a perifería da perifería.

As fotos de Xoán Piñón e Xulio Correa son marabillosas. Úneme a eles unha amizade xa de moitos anos e teño a sorte de que cedesen todas esas fotos incríbles. Tamén César Strawberry (Def con Dos) cedeu moito material interesante. Logo eu colecciono fanzines e publicacións, que serviron tamén dun apoio gráfico importante. A verdade que foron uns anos moi estéticos e visuais, e por iso o libro resulta tan atractivo visualmente.

PC: Entre as anécdotas abondas que poden xurdir ao facer un traballo de pesquisa e investigación, tirar de fíos, conseguir contactos … terías algunha que gardas con amor, humor, ou pavor? 😉

FR: Ao final estes libros se consegue que saían a adiante logo de moitos anos traballando na trincheira. Pouco a pouco. E chega un momento que ves claro o que ten que ir, e cando te das conta o tes na man. Evidentemente sen todo ese traballo previo, non sairían libros como este ou “Unha Historia” (Galaxia, 2019). Agora para min é máis doado escribilos, o problema soe ser ter tempo para elo (risas).

Dánse situacións de todo tipo: dende xente de grupos aos que lle pasas ti a maqueta ou o disco porque eles xa non o tiñan. Pasóume incluso con xente a que lle conseguín unha copia do seu fanzine. E despois as típicas situacións nas que cada un dun grupo te di unha cousa distinta e discuten entre eles: que non foi así! (risas). Iso é bastante habitual.

PC: Se puideses mudar a figura de autor por lector, que salientarías de “Anos 80 ….”

FR: Anos 80 é o libro que a mín, particularmente, como lector, me gustaría atopar nunha libraría.

PC: Para acabar, un par de preguntas das obrigadas. Quedouche algo fóra pola razón que fose? Algún posíbel próximo libro en mente teña ou non que ver coa anterior pregunta?

FR: De maneira deliberada, non. Pero como isto son investigacións que nunca rematas, porque sempre estas descubrindo cousas, pois sempre hai cousas que agora que tiven acceso a elas, metería. Como o grupo Blancanieves de Ferrol, no que estaba Víctor Aneiros, do que me pasou Manolo Torrente fotos, maqueta e información.

PC: Grazas por facer esta tarefa de divulgación e reivindicación aparte dos espazos máis habituais ou comúns.

FR: Grazas a ti por todo, Pepe! Cada vez queda menos xente nas trincheiras e hai máis en TikTok! Aperta!

Facebook