nota:
Enredámonos novamente o sábado, 9 de marzo, en Santiago, no Auditorio de Galicia, para celebrar o Día da Muller. Agardámosvos, ide reservando as entradas porque vai ser moi especial!!!
de Ugia Pedreira reúnense neste proxecto titulado “Enredadas: coplas e alalás”
Compostela, 5 de marzo de 2019. O jazz flamenco de Martirio, a voz atlántica de Uxía, a forza maña de Carmen París e a orixinalidade poética de Ugia Pedreira reúnense no proxecto “Enredadas: Coplas e Alalás” que presentarán en Compostela, no Auditorio de Galicia, este sábado 9 de marzo.
Este espectáculo nace co fin de promover, fomentar e difundir a arte como encontro; estreitar o coñecemento e a experiencia destas cantoras que revisitan a copla, a jota ou os alalás. Catro mulleres que reinventaron e revolucionaron estes xéneros e lles deron unha nova vida e unha nova visión desde o risco, a experimentación e a creación de novos contidos e arranxos que entroncan co jazz e outras músicas facendo que chegue a outra audiencia.
A afinidadade que senten vén dada polo atrevemento, a solidez e o humor cos que elas enfrontaron este reto. Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa da música de raíz e da irmandade.
Teñen en común moito máis do que parece a simple vista. Todas loitaron por un labor necesario de reconversión da canción popular española, da copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais… Comparten tamén a creatividade e o compromiso coa música. Son letristas ou amantes da boa poesía, das cancións de onte, de hoxe e de sempre. Rodéanse de grandes músicos e beben directamente da mellor tradición do cancioneiro latinoamericano.
Hai na música de todas elas lixeireza, non exenta de ambición, “jondura” ou beleza. Intercambiarán repertorio e cantarán xuntas nun acto de admiración mutua e de amizade. O espectáculo amosaranos a catro mulleres que souberon depurarse, reinventarse a si mesmas para ofrecerse reais e verosímiles.
Abordarán musicalmente o repertorio arroupadas polas guitarras de Sérgio Tannus e Marcos Teira, creando texturas ben curiosas entre as cordas que as acompañarán, as voces, as percusións e o piano de Carmen París.
Entradas no Teatro Principal, no propio Auditorio, e online aquí:
http://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/enredadas-coplas-e-alal%C3%A1s
Carmen París: piano e voz.
Martirio: voz.
Ugia Pedreira: voz.
Uxía: voz.
Sérgio Tannus: guitarra, viola caipira e cavaquinho.
Marcos Teira: guitarras.
Carlos Alonso: escenografía.
Arturo Abrigueiro: técnico de son.
Daniel Rodriguez Juncal: deseño de iluminación
Promovido por Compostela Cultura.