Encrucillada “De volta!”

Novembro 14, 2024

Formada por músicos da comarca de Ferrol-Trasancos, esta Encrucillada camiña cara a década de traxectoria cun segundo álbum. O proxecto naceu a finais de 2015 con Antonio López, os irmáns Alberto e Óscar Maceiras e Javier Rodríguez, que publicaron o seu debut “Marbán” en 2018. Após este, foron incorporando as voces de Elena Díaz (2019) e Xoán Padín (2023) e con esta aliñación, e nos tamén ferroláns RRStudios, gravaron este “De volta!”.

O título e as fotos da edición física fan referencia á emigración, homenaxean as persoas que deixaran a terra fisicamente, e o repertorio confórmase con pezas tradicionais e populares que tinxen ao seu xeito con gaita, acordeón, saxo, zanfona, frauta, ocarina e percusións varias. A única peza “propia”, “Muiñeira de Xoel”, está asinada por Antonio López e aparece nunha parte final de catro pezas que son novas versións dun E.P. dedicado ao camiño francés que publicaran en 2022.

“De volta!” opta claramente por soar atemporal en troques de parecer fillo (ou escravo) do seu tempo, da corrente predominante que combina música folk ou tradicional con electrónica. Non pretende impresionar ou soar moderno, senón reflectir a proposta agradábel que invita ao baile nos seus directos e presentar con elegancia e unha gravación ben acaída esta edición física.

Pepe Cunha, 14-novembro-2024

AXENDA