nota:
A Casa das Crechas comeza a programación de febreiro o vindeiro xoves co concerto do cantautor vasco Eñaut Elorrieta, dentro da xira de presentación do seu primeiro disco en solitario “Deserriko Kantak”(cancións do desterro), que está de xira no circuito estatal “Girando por Salas” e o levará tamén neste mes de febreiro por Baiona, Cataluña e País Vasco.
Neste recente traballo, publicado en maio de 2013, Elorrieta fala de patria e de exilio desde puntos de vista ben dispares. Ademais dos seus propios textos, Eñaut musica tamén o desterro político de Joseba Sarrionandia ou Joan Oliver e o desterro poético de Mario Benedetti ou Bernardo Atxaga.
Eñaut Elorrieta (Gernika 1975) é ademais o líder (e cantante, e guitarra, e letrista) dun dos grupos de pop-rock máis importantes en Euskadi, Ken Zazpi, que levan publicados seis discos e teñen actuado no Kursaal, no Kafe Antzokia, no Teatro Victoria Eugenia de Donostia e mesmo no Camp Nou no descanso dun partido entre Cataluña e Euskadi.