Emilio Rúa “Duetos”

Setembro 24, 2018

O cantautor de Vendas da Barreira (Riós) celebra cun disco especial “a maioría de idade editando discos e compondo cancións”. Así, sen facer ruído, co seu xeito calmo, pasaron sete discos desde aqueles comezos da carreira propia con dous importantes premios estatais de cantautores cantando en galego: Cantigas de Maio (Ceutí 2004) e Jóvenes Cantautores de Elx (2006). Foi espallando álbumes en distintas discográficas e editoriais: “Emilio Rúa” (Edicións do Cumio 2000), “Vida Miña” (Boa,2006), “Interior” (Pai, 2010), “Despois de ti, a chuvia” (Galaxia 2011), “Destino sur” (Autoedición/SGAE 2014), “Querida Alegría “(Autoedición/SGAE 2016), “Cantares poesía galega” (Autoedición/SGAE 2017) e agora chéganos un oitavo álbum que asoma con forza desde o nome: “Duetos” (Sorte discos 2018). Rúa xa colaborara en duetos con artistas case sempre galeg@s, pero agora confeccionou un álbum de seu no que “leva artistas moi importantes do panorama estatal e internacional a cantar comigo en galego de forma maioritaria”.

“Duetos” ten un compoñente importante de xogo, de reto, tanto para a voz de Rúa -que en verdade non se arreda de como a coñecemos-, coma para as voces invitadas. Este álbum traballoso pode resumirse coma o produto de 3 factores entrelazados ao longo duns anos: contactar e viaxar para gravar con artistas coas que, na súa maioría, non tiña relación; seleccionar as colaboracións mellor acaídas para as cancións (propias ou alleas, novas e vellas, traducidas ou orixinais); e poñer en máis axeitadas a produción e masterización. A confianza en Pachi García (por estes lares coñecido como o cómplice no estudio de Guadi Galego) premiouse con brillo tan elegante coma sutil arredor das voces e as letras. Un disco así ten o perigo de quedar marcado polos momentos anecdóticos, pero o que nos ocupa viaxa con coherencia, case sen sobresaltos, ao longo das 16 parellas.

Aparquen os prexuízos e abran as orellas, que vai a listaxe. Dez composicións de Rúa: “Fósforo Bronce” con Rebeca Jiménez; “Cosa maravillosa” con Mercedes Ferrer; “Búscame”, agora en castelán, con Carmen París; “En terra de lobos” con Carlos Goñi (Revólver); “El parnaso de los sueños” con Vicky Gastelo; “Coroza” con Luis Pastor; “Extinción” con Dolo (Pastora); ”Eva sin Adán” con Javier Ojeda (Danza Invisible); “Vida miña” con Rozalén; “Afástate” con Josele Santiago. Catro adaptacións ao galego acompañado dos seus autores: Víctor Manuel (“Canción pequena”), Javier Álvarez (“De aquí á eterrnidade”), Pablo Milanés (“Iolanda”) e Sole Giménez (“Volver ó mar”). E 2 versións ben acabadas do “Voçê” (Tim Maia) con La Shica e do “Abrázame” (Julio Iglesias) con Rosa Cedrón, aquí “Se ti te vas”.

Rúa entrega un traballo moi meritorio no que gañan os acertos sobre os fallos, onde as cancións duran o que teñen que durar e das que cada ouvinte gozará máis, menos, ou nada, segundo o que lle transmita cada unha. Para quen asina, polo menos a metade xustifica achegarse ao disco e non só por parte dos ouvidos afeitos ao “mundo cantautor” tirando a maduro: “Cosa maravillosa”, “Fósforo bronce”, “El parnaso de los sueños”, “Búscame”, “De aquí á eternidade”, “Vida miña”, “Extinción”, “Se ti te vas” … son cancións polas que devecería moito guaperas.

Pepe Cunha, 24-setembro-2018

AXENDA

Facebook

54 minutes ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook