eladio y los seres queridos “orden invisible”

Novembro 25, 2014

A banda de Eladio non fai un ruído excesivo no panorama musical. Ocupa un lugar entre o recoñecible e o alternativo, nesa franxa ampla onde nin se é banalmente comercial nin abondo experimentador ou diferente. O seu é un pop madurado que bebe de influencias clásicas do xénero, anglosaxonas principalmente, pero tamén do pop-rock en español. Transmite naturalidade cunhas cancións que están aí para cando lles adiques un momento de atención. Non teñen présa. O novo álbum non aparece até que contan cunha colección de peso, de cancións con cadansúa historia e personalidade, cos matices que as fan diferentes pero tamén coas características comúns para conviviren.

En “Orden invisible” predominan os medios tiempos que falan de vivencias contempladas con certa madurez: temas sociais, amor, presencias ou ausencias. As cancións veñen marcadas pola melancolía, pero da que deixa sensacións boas, na que escoan raiolas entre as sombras. Desde a primeira escoita, da ducia de cancións cómpre celebrar, polo menos, máis da metade: unha única versión, contundente e fantástica de “Los dinosaurios” de Charly García -referente do rock arxentino-, a fermosa (case)nana “Bella durmiente”, a intensa “La misa”, a envolvente “Seremos Santos Inocentes”, a máis roqueira “Niño Salvaje”, o recollemento de “El silencio” e a máis enérxica “Junto a los seres queridos”. Nestes tempos que se venden poucos discos e as présas mandan, volven ofrecer atemporalidade, para quen queira aprecialo e degustalo con calma, sexa agora que é novidade coma meses despois. Porén, isto non é cualificalo en absoluto de difícil, experimental, esixente ou complexo, senón dunha mostra de amor por referencias clásicas, sempre e nunca de moda. As letras sinxelas, vitais e intelixentes, nada pretenciosas, non carecen do seu trasfondo ou mensaxe. Trasmiten un vitalismo contido, reflexivo, que non conformismo ou ceguera ante que nos rodea.

Aquí hai cancións con selo propio, cos seus arranxos e as súas melodías solventes. Non procures postureo, acenos que pretendan axitar ou sorprender gratuitamente. “Están ustedes unidos” (Esmerarte 2011), canda os seus concertos, levou a banda a gañar na categoría de pop na primeira edición dos premios da asociación de Músicos ao Vivo. Por non rachar coa inercia, repiten gravación nos Estudios Sonobox con Manuel Colmenero e Javibu Carretero. Quen se achegue recoñecerá a calidade do seu traballo, elegante e melódicamente asequible. E ademáis dura como a maioría dos discos que lles molan de sempre: uns 45 minutos.

Pepe Cunha, 25-nov-2014

AXENDA

Facebook