Eladio y los seres queridos “Historias de caza”

Novembro 09, 2017

Ás veces un xogo, un capricho ou unha anécdota racha cunha certa rutina e impulsa un cambio de perspectiva. Este semella o caso de Eladio y los seres queridos e o seu álbum de versións “Cantares”. Neste recuperaron pezas populares e queridas do cancioneiro galego cunhas gravacións sinxelas, sen pretensións nin abuso de artificios. Porén, o que podía quedar nunha proposta anecdótica resultou un punto de inflexión. Público e compañeir@s de profesión celebraron ese tratamento caseiro e agora a banda decidiu repetir o tipo de produción para o quinto disco, rexistrando practicamente todo (agás as baterías, obviamente) no propio fogar de Eladio e cos medios xustos.

Na casa non dependes de horarios, tes máis tranquilidade e tempo para agardar pola toma precisa, pola sonoridade desexada. Iso si, sen unha visión externa ao grupo, cómpre ter as cousas claras de cómo queres sonar, pero difícil que haxa dúbidas cunha banda competente e compenetrada a base de moitos concertos. As cancións de Eladio transmiten máis naturalidade e calidez que nunca. Este xeito de gravar acáelles ben, en especial á súa interpretación vocal, que nos 3 primeiros álbumes talvez quedaba algo agochada. Coma é característico del coma compositor, e co apoio dunha banda de amigos/músicos/seres queridos, cada canción procura un mundo de seu, unha madurez que mantén distancias entre o banal e o erudito. E tamén en equidistancia de popularidade elixen as dúas versións incluídas no álbum: unha tan mítica como “La leyenda de Tiempo” de Camarón de la Isla e outra descoñecida como a chacareira “Ella” do vigués Pablo Lesuit, que participa tamén nesta revisión. Valentías con premio.

Canda este atmosfera sonora especial e o acerto nas dúas versións, un par de hits potenciais como “Tormenta y tú” e “Carlota se fue”, os ventos de David Rial, os coros de Ari Magritte, un instrumental tan evocador como “Bou Vian” … e ante todo unhas cancións ás que volverás tempo despois e seguirás apreciando, marca da casa, como a que titula o disco ou “Lleva en la sangre el amor”. Porque “Historias de caza” é un disco para recibilo e miralo cara a cara, con confianza, como foi concebido, con protagonismo para uns medios tempos construídos con cánones de pop clásicos, coa sección rítmica impecábel canda a guitarra e o teclado. Aparquemos as présas e poñámonos cómod@s para degustalo. E se falamos de pop clásico, aquí temos unha boa portada ( ilustración de Federico Fernández, “Fredy” ) e dez cancións que non chegan aos 4 minutos.

Pepe Cunha, 9-novembro-2017

AXENDA

Facebook

8 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook