As últimas novas que tiñamos de Manuel Malou eran do proxecto Bumba Rumba, cuxo “Electrorock&Rumba” foi comentado nesta web e que os trouxera de concertos por Galiza. Diso fai xa uns 6 anos pero para presentalo debemos remontarnos aínda máis atrás, cando a mediados dos 70 co seu irmán formaba Los Golfos, aquel dúo xitano que se fixo popular coa vacilona “¿Qué pasa contigo, tío?”. Precisamente unha nova versión do tema é a que abre este álbum que sorprende a quen coñeciamos algúns dos seus traballos anteriores, pois deixa a un lado a fusión de estilos para centrarse nunha “rumba sen aditivos”. Si, rumba pura pero en absoluto dura aos ouvidos, porque a produción é fresca e tan impecable como cabía esperar do curriculum de Malou (membro de Plástico e Toreros nos anos da movida, producións para José el Francés, Hakim, Los Del Río…, remesturas para Orishas ou Manu Chao, colaboración co mestre Peret, banda sonora da famosa película francesa “Felpudo maldito” e a deslumbrante fusión de “Mixa Cooltura”). Os amantes da rumba non deben deixar pasar este traballo de cancións tan efectivas como a mencionada “¿Qué pasa contigo, tío?”, “Ven ven” -cuxa temática lembra o “Calameros” de Los Amaya-, a potencial canción do verán “Compre, compre” sobre o consumismo descontrolado das tarxetas (“compre lo que necesita y lo que no necesita, con la american express, con la máster o la visa”), a fermosa versión de “La javanaise” de Serge Gainsbourg ou a de “El reloj”. Un exercicio de estilo rumbeiro a cargo dun artista que ten toda a mestría para facelo, por voz, arte coa guitarra e dominio da produción. E para os DJ, o agasallo de res remixes “étnicos” de respectivamente “El despertador”, “La llave” e “Tan mala”.
Pepe Cunha, 14-maio-201
Featured