El Niño de Elche

Decembro 13, 2018

nota:

NIÑO DE ELCHE. A rama experimental do flamenco ten en Niño de Elche o seu embaixador máis visible e aclamado dos últimos tempos. Francisco Contreras, nacido en 1985 na localidade alacantina de Elx e residente en Sevilla, logrou acaparar a atención da crítica especializada conseguindo situar o seu disco Voces del extremo (2015) como o mellor do ano para medios como El País ou Rockdelux. Porén, a súa traxectoria remóntase a case unha década, coa edición de Mis primeros llantos (2007), ao que seguiron outros proxectos tan dispares como o espectáculo VaconBacon, cantar las fuerzas, sobre o artista plástico Francis Bacon, ou os personalísimos traballos discográficos Sí, a Miguel Hernández (2013) e Las malditas órdenes del coronel (2013), xunto ao grupo de improvisación SEIDAGASA. Interesado en mostrar un flamenco do século XXI plural, intenso e descontextualizado, este verdadeiro catalizador de sons rock, electrónicos e minimalistas asegura sentir a mesma devoción por Antony & The Johnsons ou Kraftwerk que por Fátima Miranda, Diamanda Galas ou Metálica. No escenario, o cantaor mestúrase co autor performance, deixando vía libre á poesía e á improvisación. Unha experiencia paroxística que, segundo o seu creador, procura o equilibrio entre o físico e o sonoro.

Coa bagaxe ao seu lombo dun libro publicado e numerosos proxectos colaborativos con outros creadores, Niño de Elche reafírmase como unha revolución creativa con indubidable carga política e que descoñece límites como artista. O seu novo proxecto -dirixido polo artista Pedro G. Romero e producido por Raúl Refree- sorprende baixo o nome de Antología del cante flamenco heterodoxo. Composta por 27 pezas, esta antoloxía recolle as raíces flamencas do cantaor reinventadas en crebacabezas sonoros como El tango de la Menegilda, Las seguiriyas del silogismo ou Aguaespejo granadino. Entre as súas influencias encóntrase o imaxinario experimental de Val del Omar, a conceptualidade de Valcárcel Medina, a subversión de Eugenio Noel ou o nacionalismo rañado de Manuel de Falla, que conviven con versións de compositores contemporáneos como Crumb, Shostakovich, Luigi Nono, Tim Buckley ou Mikel Laboa e creacións persoais sobre textos de Antonio Machado, Juli Vallmitjana, Lafargue, Giménez Caballero ou San Juan de la Cruz. Para a creación de Antología do cante flamenco heterodoxo, Niño de Elche contou con colaboradores de excepción coma o bailaor Israel Galván, os guitarristas Pájaro e Diego de Morón, o organista Juan de la Rubia ou o pianista Alejandro Rojas-Marcos. Nesta nova travesía, acompañaranlle en directo Raúl Cantizano con guitarras (flamenca e acústica) e percusión, e Susana Hernández (Ylia) aos teclados, sintetizadores e electrónica.

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
20:30 h.
Teatro Colón, A Coruña.
11 / 14 / 18 €