Eels no Auditorio de Galicia, 8-setembro-2019

Setembro 09, 2019

Cunha ducia de álbums coma Eels, Mark Oliver Everett conta xa cunha solvencia recoñecida coma compositor de moitas cancións das que deixan o seu pouso, independentemente de cara onde dirixa os seus pasos. Hai tempo que conseguiu gañarnos coma poucos coa súa versatilidade e por iso agardamos por onde vai saír en cada disco ou xira; se máis cañeiro, se máis melancólico, con electricidade ou con cordas. Desta vez chegou ao Auditorio de Galicia en clave de banda de rock clásica (batería, guitarra e baixo) e el exercendo coma auténtico entertainer. A aparición no escenario coa fanfarra da película Rocky xa apuntaba intencións.

E que dicir das primeiras cancións que soaron? Cantos artistas comezan con tres versións a estas alturas da súa carreira? Pois ben puidemos entendelas ser unhas coordenadas estilísticas nas que nos situar para o que sería o resto do concerto: The Who, Bobbie Gentry e Prince. Como faría durante as máis de dúas horas de concerto, dirixiuse ao público neste principio para deixar claro que non era un concerto de ópera para estarmos sentados, que era rock e cumpría corresponder en pé. Así, nun comezo case frenético Mr. E cantaba, bailaba e aproveitaba ben un segundo micro para que a pandeireta ou as maracas tivesen a súa presenza; deseguido tres temas propios -un recente e dous daqueles tempos nos que Eels reclamaba atención entre o predominio do grunge. Se nos fiamos das súas insinuacións e comentarios divertidos e irónicos coa situación, seica están a gravar ou a preparar un álbum ao vivo. Deste xeito, a banda deu un repaso a un bo feixe das cancións máis notabeis do seu repertorio. Porén, e como é lóxico, soaron adaptadas sen fisuras a este formato rotundo de banda de rock.

O Auditorio de Galicia era unha (grande) sala de concertos, cun palco sobrioe elegante, e onde só faltaba a barra para apañar unha cervexas. Pero mellor así para que o público estivese en comuñón coa banda, sen nos despistar da lección e escoitándoa con atención, que xa se fala demasiado nos concertos ultimamente. Ademais, como xa Mr. E pediu tras a primeira ducia de cancións, tamén lle prestaba interpretarnos cancións máis relaxadas, como as que seguiron. “Are you ready for soft rock?” lémbrolle entre o moito que falou. “Prizefighter” valeu para volver coller ritmo e desatarse con outra versión, desta vez os Stones. Transcorrida case unha hora, daba igual se levantaba un chisco o pé do acelerador, porque as cancións escollidas e a interpretación da banda xa nos tiñan máis que atrapados. Porque a maioría das caras deste compositor aparecen nesta xira: pop (“Fresh Feeling”…), bailable (“ You Are the Shining Light”), case heavy en “Novocaine for the Soul”, máis reflexivos ou sensibeis (“That Look You Give That Guy”, “In my Dreams”…), máis agresivos (“Souljacker part.1”) … E aí radica a súa valía.

Ademais do seu constante dirixirse ao público e o cambio de guitarra practicamente en cada canción, entre os detalles de show cómpre salientar a presentación da banda, co batería interpretando “Little Joe!” en honor ao seu propio nome e esa alfombra que un “operario” colocou e outro aspirou (!!!) para que os seus músicos fixeran cadanseu minidesfile de moda lucindo as camisas “Eels”. E a parte final alongouse con o xogo habitual de que chegamos á última canción, e nós ovacionando até saíren un par de veces a redondear o éxito dun concerto que xustificou a expectación que espertara. Xa coas luces acesas,o “The End” dos Beatles. Que vivan Pete Townshend, Ringo Starr, Prince … e tamén Mr.E. claro que si.

Pepe Cunha, 9-setembro-2019

setlist:
Out in the Street (versión de The Who)
Mississippi Delta (Bobbie Gentry cover)
Raspberry Beret (versión de Prince)
Bone Dry
Flyswatter
Dog Faced Boy
I Need Some Sleep
Dirty Girl
That Look You Give That Guy
Prizefighter
She Said Yeah (versión de The Rolling Stones)
Tremendous Dynamite
Open My Present
You Are the Shining Light
My Beloved Monster
In my Dreams
I Like the Way This Is Going
Little Joe!
Today Is the Day
Novocaine for the Soul
Souljacker, Part I
I Like Birds

primeiro bis:
Fresh Feeling

segundo bis:
Mr. E”s Beautiful Blues
Fresh Blood
medley: Love and Mercy (versión de Brian Wilson) / Blinking Lights (For Me)

Facebook