ed tulipa “popterapia”

Novembro 02, 2011

Que na portada deste álbum apareza unha guitarra Rickenbacker sobre unha cama de hospital e que na almofada leamos “Popterapia” non é, nin moito menos, unha casualidade. Sergi Carós (o home tras Ed Tulipa) sufriu nun ano un cancro, a morte do seu pai (batería do grupo catalán dos ‘60 Els Dracs) e unha ruptura sentimental. Como el apunta nas notas do libreto, as experiencias musicais e vitais que acumulou durante dez anos foron plasmadas neste disco, nunha elaboración convertida en terapia: “No te puedes imaginar cómo me gustaba y sufrí en dar a luz este álbum”. Tras ler isto, poderiamos pensar que predominarían as melodías brandas, pero estas se limitan a dúas pezas, ‘You belong to me’ ou ‘I’m only here for a while’, que non caen no sensiblerismo excesivo. De feito esta última é unha das mellores pezas do álbum e vén asinada polo irlandés Rory Gallagher (ex The Revs). Dominan as influencias claramente sixties e incuestionablemente o libro de estilo Beatle, como demostran ”Barbie”, a citada “I’m only here for a while”, Es x ti” ou “Club Mónica”, de obvias reminiscencias ao George Harrison de “Taxman”. Unha mágoa que o inglés soe algo forte en pezas como “Flower of Tralee”. Tamén teñen presenza anecdótica o rock and roll un chisco macarriña de “¿No es una lástima?” e “Olla a presión”, co seu irmán Roger na letra e a voz, e unha boa mostra de suave influencia soul en “Druida”, única peza en catalán. Ademais do bo traballo dos diferentes músicos participantes, salientamos a voz e o texto de Nolita James en “Mr. Colour”. Como sobremesa, unha versión máis acelerada de “You belong to me” que remata un disco con varias boas pezas pop de corte clásico, traballadas con agarimo e bo gusto para as melodías e os retrousos.

Pepe Cunha, 2-nov-2011

AXENDA

Facebook