Cando souben da cabeza de cartel para o Noroeste Pop Rock non podía agochar a miña ledicia. Resúltame difícil pensar nunha banda internacional mellor acaída para montar toda unha festa de música, baile e diversión na praia. A formación londinense acadara o seu cumio de popularidade nos primeiros 80, nun momento que nas radiofórmulas aínda escoaban cancións brillantes ou propostas que combinaban comercialidade cun mínimo de bo gusto. A finais dos 70 déranse a coñecer coma parte do revival ska, pero deseguido abriron as súas composicións a un pop de estética claramente británica e pingas de soul. O seu éxito era comprensible cunhas cancións que provocan o sorriso e o baile facturadas con elegancia, melodía e “coreabilidade”, se me permitides esa tradución libre de “sing-along”. Con esta banda, o peche do Noroeste 2014 prometía moito.
Porén, había algo que me producía certo recelo e é que nestes concertos de balde a participación dos espectadores cobra aínda máis relevancia. O público que se achegase o sábado, aínda que maioritario ou despistado, recoñecería como mínimo “Our House”, “It Must Be love” e “One Step Beyond”. Considerando ben este contexto, a banda ben sabe desa gloria de 30 anos atrás e apenas interpreta cancións dos últimos anos (por certo, son notables os seus 2 últimos discos de estudio).
O posta en escea estupenda, o son no seu punto (eses ventos e piano tan característicos da banda!), e tanto un algo peneque Suggs como o saxo Lee Thompson e o guitarra Chris Foreman se dirixían sorrintes ao público e con frecuencia. O repertorio (ver abaixo) non podía ser máis bailable, así que un servidor (moi fan, sen dúbida) non concibe que a noite non se convertise nunha festa. Onde si se montou foi nas proximidades dos músicos, pero uns metros atrás o ambiente xeral era máis de estar presente con outros miles de persoas bebendo e falando na praia con música de fondo que de mergullarse nunha ocasión única e deixarse levar. Só cando soaron as archicoñecidas a velada estoupou como merecía.
En fin, os concertos gratuitos teñen estas cousas, pero cóstame lembrar un concerto con menos entusiasmo á hora de pedir os bises. Finalmente, ou a masa contaxiou certo pasotismo á banda ou esta non foi quen de montala gorda, pois só actuou hora e cuarto cravada. Quedo coa dúbida de se tería sido igual cun maior entusiasmo do público, pero quen nos entregamos gardaremos na memoria un concerto estupendo que soubo a pouco.
Recomendo (re)escoitar as cancións desta listaxe bastante aproximada. Vai case de memoria, polo que haberá algunha ausencia ou erro na orde. Até 11 cancións daquel compilatorio impresionante “Complete Madness”! .
Night Boat to Cairo
Embarrasment
The Prince
NW5
My Girl
My Girl 2
Dust Devil
Take It or Leave It
House of Fun
Baggy Trousers
Shame and Scandal
Bed and Breakfast Man
Shut Up
Our House
It Must Be Love
Bises:
One Step Beyond
Madness
Pepe Cunha, 12-agosto-2014