nota:
E QUEN FAI MÚSICA PARA NÓS? é un proxecto que busca contribuír e apoiar a escena musical galega, no que colaboran 11 artistas provenientes de estilos musicais diferentes, que se atopan nun espazo común onde expresarse e crear novos temas. O resultado son 8 cancións que mesturan diferentes sensibilidades sobre ritmos próximos ao hip-hop.
As voces que se sumaron a este proxecto son a cantautora arzuá MJ Pérez; figuras da escena hip-hop galega como Nadie González, Neret, O Rabelo (con sona na cultura das regueifas), ST (integrante de Flow do Toxo) ou Aid (rapeira viguesa de longa traxectoria); cantantes e compositoras tan polifacéticas como ELBA (pop de vangarda dende Compostela) e Xoana (artista con matices de jazz e R&B comprometida coa lingua); o grupo de pandereteiras Lilaina (integradas en propostas tan potentes como Baiuca ou Xosé Lois Romero & Aliboria); e, finalmente, telma, prometedora artista do noso panorama tanto musical como escénico, que xunto con Sergio Maceira ao piano ofrecen a canción máis melódica do disco.
E QUEN FAI MÚSICA PARA NÓS? é a elocuente pregunta que fixo unha rapaza de 3º da E.S.O. no marco dun obradoiro musical Xénero Versos para previr a violencia de xénero a través da creatividade. As palabras desta alumna foron o inicio dunha andadura coa cal buscouse dar voz a artistas galegas e intentar transmitir as súas mensaxes a todos os públicos.
A autora da impactante portada do proxecto é a novísima artista Irene Pérez, unha das pintoras máis relevantes da súa xeración. Nesta obra plasmou con crueza a relación entre as mensaxes machistas que recibimos a diario sen case darnos conta (por exemplo a través da música) e as consecuencias dese caldo de cultivo na sociedade.
E QUEN FAI MÚSICA PARA NÓS? é unha obra realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, sendo unha das propostas seleccionadas nunha concorrida convocatoria.
Abaixo van as ligazóns ao álbum en Spotify e a web