Dream Syndicate no Galicia Importa, 8-maio-2014

Maio 09, 2014

Tirar de nostalxia é un recurso ben estendido no negocio musical. Reedicións de álbumes e xiras de reunión de bandas tentan de paliar a atmosfera de crise procurando apostas máis seguras economicamente. Tras se materializar, estes reclamos veñen ocupar todos os chanzos nun medidor desde o fiasco ao éxito porque temos casos abondos e variados desde hai décadas. Tras a ilusión inicial, cómpre agardar por un resultado “artístico” que, se está á altura das expectativas, pode deixar moi bo corpo a quen o presenza. Esta semellaba unha opinión unánime ao saír onte da Sala Capitol.

O ciclo Galicia Importa desta vez traíanos os Dream Syndicate, banda que no 82 editou un álbum referencial (“The Days of Wine and Roses”) e no seu 30 aniversario probaron a reunirse enriba dos palcos tras un par de décadas. Seica a máquina funcionou e agora alongaron a excusa para a mesma celebración do álbum de continuación: o “Medicine Show” de 1984.

Steve Wynn, compositor principal e vocalista, seguiu a súa carreira tras a separación da banda e foi entregando non poucos traballos notabeis e máis abertos estilisticamente (“Here Comes the Miracles”, “Static Transmission”, “Crossing Atlantic Bridge” …). Como visita con frecuencia España e pasou algunhas veces por Galiza (que gran concerto aquel na Mondo Club de Vigo!) confiabamos no seu bo estado de forma. Nesta xira constatamos que cuns remodelados Dream Syndicate segue a sacar o mellor ao vivo dunha banda de músicos solventes. Nesta, unha base rítmica Dream con Dennis Duck á batería e Mark Walton no baixo, e o tremendo trabalo á guitarra de Jason Victor, membro estable dos seus fieis The Miracle Three.

Os músicos gustáronse, soaron elegantes e atronadores, contundentes e impecables. Con esta execución, un repertorio de cancións de notábel para arriba só podía dar coma resultado unha noite memorábel, cuxa única mácula foi o medio aforo. Alternaron as cancións espesas coas directas, as máis recoñecibles con outras menos populares, pero sempre en interpretacións intensas que mantiñan a atención dun público veterano. Tras os bises, a insistencia de moitos venceu a música de ambiente e a banda regresou encantada para recuperar outro tema do seu álbum mítico e versionar unha das súas influencias máis claras: a Velvet Underground.

Eis o setlist que confeccionei eu mesmo e creo que case seguro:

1- See That My Grave is Still Clean (versión de Blind Lemon Jefferson)
2- Daddy”s Girl
3. Tell Me When It”s Over
4. Forest for the Trees
5. Burn
6. Armed with an Empty Gun
7. Bullet With My Name on It
8. Definitely Clean
9. That”s What You Always Say
10. Still Holding On to You
11. Medicine Show
12. Halloween
13. Boston
14. The Days of Wine and Roses

bises I:
15. Unweathered and Torn
16. The Side I”ll Never Show
17. John Coltrane Street Blues (con chisco do “Break On Through” dos Doors)

bises II:
18. When You Smile
19. Rock and Roll (versión da Velvet Underground)

Pepe Cunha, 9-maio-2014

AXENDA

Facebook

26 minutes ago

Ábrete de orellas
Grampoder teñen novo videoclip e arrecende a costa ferrolá ... See MoreSee Less
Ver en Facebook