Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco

Agosto 06, 2012

Tras os adicados a Andrés Do Barro, os Diplomáticos e Os Resentidos, chega outro disco tributo argallado no país. Este ten a particulariedade de reivindicar un compositor que non gozou da repercusión dos citados e de vir precipitado por unha desgraza: o protagonista hai un ano sufriu un accidente laboral que lle dificulta seguir compoñendo á guitarra como decotío. Un par de amigos entusiastas da súa obra decidiron argallar este tributo e via internet comezaron compilar artistas participantes, obtendo unha resposta máis acorde coa calidade das composicións que coa cantidade de coñecedores. Só por iso, a publicación desta colección estaba xa xustificada. Unha microfinanciación a través da plataforma Verkami conseguiu superar os cartos requeridos e aquí temos a edición física dun dobre cedé variado, curioso e con nomes de peso.

Aínda que xa militara noutras bandas ourensás, como Voyeur, foi con La Rosa con quen Magín se deu a coñecer e publicou varios discos na decada dos 80. En Ábrete de orellas comentamos o seu regresou en solitario en 2006 co álbum “Ella” (PAI) e a continuación dun notable proceso creativo nos seguintes “Realidad” ( PAI,07) e ese magnífico traballo coa Burgas Beat “Clic”(‘PAI,08). No 2010 achegouse ao mundo dos nenos co disco-libro “A Nena e o Grilo”( OQO ), que se convertiu probablemente na súa produción máis recoñecida e da que teremos continuación. Como vemos, o da Rúa está a vivir uns anos de creatividade e non deixa de argallar novas experiencias, como o seu dúo con Daniel Alonso (O Neno Elliott): Ninhodaguia e colaboracións compositivas con amigos como a mencionada Burgas Beat.

“Doutor Apertas”, nome tirado dunha peza de “A Nena e o grilo”, contén novas lecturas de pezas asinadas por Magín Blanco editadas ao longo da súa traxectoria e mesmo varias inéditas. Desde a relación de nomes, apreciamos un dos grandes logros do álbum: reflectir esa diversidade sonora pola que Magín foi estendendo a súa produción. Iso si, sempre ao servizo de compoñer cancións redondas, honestas e sensibles, sexan conectadas a meirande ao folk-rock de influencia americana ou un pop máis ou menos naïf, pero tamén á canción do autor ou o folklore popular. Grazas a isto, podemos gozar nun mesmo disco de nomes galegos, españois e mesmo internacionais tan diversos e recoñecibles como Xoel López, Javier Bergia Nick Garrie, Faltriqueira, Malvela, Eladio & los Seres Queridos, Santi Campos, Emilio Rúa, Burgas Beat. Tamén colaboran nomes novos (Sleeping Cat, Gas Gas Gas …) , emerxentes (Os amigos dos músicos, Magritte, Quant … ) ou colaboracións “ad hoc” como Los Improtibles (Los Potros + Los Imposibles) e a de Ugia Pedreira, Guadi Galego, Uxía e Pedro Pascual.

Independentemente do peso dos nomes, o que importan son as cancións e o resultado dos achegamentos que os artistas fixeron a elas, incluídas as inéditas como a emocionante “Calafríos” por Uxía ou “Veludo & algodón” por Ninhodaguia. Como corresponde a un disco de versións – e neste caso falamos de 32 !!! – hainas de todo tipo: arriscadas, valentes, fieis, con mellor ou pior acabado, sorprendentes, previsibles … mais sempre respectusosas e para gustos diversos. Agora tócalle a cadaquén peneirar entre tantas achegas e elixir as súas favoritas. As dun servidor darían para un cedé enteiro: “El corazón de los pájaros” por Manu Clavijo, “Dolores” por Javier Bergia, “Veño ou vou” por Xoel López, “Lluvia dorada” por Sleeping Cat, “O meu pais” por Xabier Diaz e Guillerme Fernández, “Those Days” por Nick Garrie, “Llévame lejos” pola Burgas Beat, “Maldito viento” por Ugia Pedreira, Guadi Galego, Uxía e Pedro Pascual, “Vou do revés / Amor e fluídos” por Camilo Franco & Inesperados, “Calafríos” por Uxía … e a xa editada polas Malvela “Pola rúa de San Pedro”, todo un himno.

Magín Blanco seguirá a ser un descoñecido para a maioría, pero apreciado por unha minoría na que vos recomendaría entrar. Este disco tributo amosa que, polo menos o seu cancioneiro, merecía ser reivindicado. E o mellor é que de seguro están por chegar máis cancións dispostas a sandar ou apertarnos.

Pepe Cunha, 6-agosto-2012

Facebook

1 week ago

Ábrete de orellas
Versión da mítica "Fairytale of New York" dos Pogues a cargo de Iván Ferreiro , Guadi Galego e moitas máis ... See MoreSee Less
Ver en Facebook