Viaxe é unha palabra recorrente ao falarmos da proposta musical do dúo do clarinetista Fernando Abreu e o guitarrista Pablo Carrera. “Dúas personalidades diferentes, dúas bagaxes vitais individuais coas súas influencias sonoras que se unen para crear este todo chamado DOUS”. Desde a clásica e o folque, Abreu; desde o blues e o rock, Carrera; pero sempre inquedos e curiosos coinciden tamén nunha banda tan ecléctica coma a Crebinsky. O anterior “Dous” fixérase cun lugar de preferencia na redacción orelluda e xa nos tardaba recibir a súa continuación.
Entre que o listón estaba moi alto e a nova colección de composicións non podía desmerecer, que participan en máis proxectos ou que completaron un proceso de micromecenado, tivemos que agardar un lustro para esta nova colección de postais sonoras. Sonará a tópico, pero iso son. Porque quen goste da diversidade musical sonaralle moi ben saber que volverá atopar influencias brasileiras (“Samba Tutú”), africanas (“Manani”), balcánicas, de swing ou jazz (“Vagamundos” e “Paripé”, a única peza con letra), do pop-folque británico a cabalo entre os 60 e 70 (“Regando o xardín”), ou o fermoso “Alaládalá” que pecha o disco ollando desde o país … e para quen espera algo máis que o recoñecíbel, engadir unha maior dose de experimentación en “Baile de mascaras” ou, por exemplo, “Abisal”, froito dunha improvisación feita canda o contrabaixista Pablo Pérez e o batería Marcos Vázquez, colaboradores discretos pero notabeis neste disco.
Esta viaxe de Yoyo, “un rato afable e soñador que un bo día decide abandonar a seguridade da súa tobeira na procura de aventuras”, resulta outro pequeno tesouro no que a paixón por facer e compartir música sobreponse á falla de audiencias maiores e a viabilidade económica. Un deses discos ideais para abrires de cando en vez a fiestra da túa casa sonora e respirar outros arumes; máis ou menos novos pero sempre suxestivos. E ademais dos ouvidos, gozan tamén os ollos co bonito deseño e as ilustracións de Olalla Fernández.
Pepe Cunha, 15-xaneiro-2018