Quen temos unha idade asociamos a banda Doctor Explosión ao garaxe-punk e uns concertos tolos e divertidos que os fixeron referentes do rock n’ roll underground dos 90. Tras aquela etapa intensa entre os álbums “El loco mundo de los jóvenes” e “Viviendo del cuento”, houbo moito traballo de Jorge con artistas varios nos seus estudios vintage Circo Perotti e, no que respecta á banda, cambios na formación e discos menos frecuentes, como “Hablaban con frases hechas” (2011) e “¡¡Chupa aquí!!” (2008). Mais agora volven en formación de cuarteto e dando un bo golpe na mesa.
Daqueles tempos pretéritos quedan o son e unhas letras características que agora talvez resulten menos falcatrueiras, pero só a primeira escoita. O tempo non pasa en balde pero o espírito contundente, garaxeiro e tolo segue aí; máis traballado, claro, e tamén aberto estilisticamente pola bagaxe de gravar ou producir tantas bandas nestas décadas. “Insatisfacción” abre xa coa forza dun riff que lembra aos primeiros Kinks e deseguido escóranse cara o psicodélico con “Vestir de mujer”. As cancións claramente vitalistas e sixties funcionan a base de letras irónicas ou irreverentes (“Acidez”), rabiosas (“Apego equitativo”, “Grises”), punzantes (“La polilla”) e as melodías e coros son de pop clásico de manual, como “El día en que David Bowie murió”, La gente no sabe gastar” ou “Mi lista de cosas que hacer”, deixando para o final o toque country cunha versión “iberizada” de “They Call Me Country” (composición agochada de Lee Hazlewood): “Paleto”.
Os 25 minutos de “Superioridad moral” deixan claro que os Doctor Explosión -agora César, Jorge, Conrado e Dani- están de volta con ganas e un armamento de cancións a descubrir. Non falta a boa carga de fuzz e soan frescos e versátiles nun traballo recomendábel e variado dentro dos seus parámetros. Como era de esperar, foi argallado nos Circo Perrotti de Gijón, para levarlo logo a masterizar nos Abbey Road.
Pepe Cunha,22-xuño-2023
Escoita o disco no seu bandcamp
repertorio
Insatisfacción
Vestir De Mujer
El Día Que David Bowie Murió
La Gente No Sabe Gastar
Grises
Apego Evitativo
La Polilla
Acidez
Mi Lista De Cosas Que Hacer
Paleto (They Call Me Country)