Cantas bandas coñeces que leven 30 anos en activo? E que editen material novo? E que de verdade os seus traballos sexan notábeis ou mesmo os mellores da súa traxectoria? Pois eu diría que os valencianos Doctor Divago. Coñecinos no 2004 con “Revuelta elemental” e desde entón falo aquí dos seus discos. O último foi “Complejo Alquería Frailes 13” e cinco anos despois – pandemia por medio- amosan con esta colección que están igual ou mellor. Si, seguen nese seu universo propio, atemporal, arredor das composicións e a voz dun Manolo Bertrán que está pletórico e co son impecábel dunha formación consolidada desde hai dúas décadas.
O resultado deste disco, unha vez máis, está moi por riba de cualificativos de roqueiros veteranos o maduros. No panorama tirando a fulero que vivimos, sobreviven coa súa proposta de cancións de 3-4 minutos en castelán, nunha liña clásica que combina rock, blues, pop e psicodelia, con letras de seu e lonxe de tópicos e banalidades. Aquí as referencias universais, próximas e mesmo propias teñen o seu aquel de reflexión e análise e non perden o encanto das boas melodías e os riffs e solos precisos. Son cancións directas, con rixo, frescas malia o seu clasicismo, feitas por quen viven isto con paixón. A diferencia doutros veteranos, non se refuxian en medio tempos ou baladas (que as teñen, como a impecábel “Ojos de serrín”), senón que amosan unha variedade digna de atención: toques beat-pop, retrousos pop deliciosos como os de “La tierra prometida” ou a inmensa “La verdadera luz”, guitarras afiadas ou pesadas, harmónica punzante e unha base rítmica espectacular. Insisto, non lles falta o vigor dos máis novos, que aquí poden atopar un manual de cancións redondas. Se cadra ao nunca estaren de moda (“No es que no tuviera sitio, es que jamás lo encontré. Asumo que esa fue mi desgracia, pero mi suerte también”), viviron sen a presión de agradar, pero si coa que se poñen eles mesmos: elaborar as mellores cancións posíbeis.
Neste décimo e terceiro álbum só podemos comparalos con eles mesmos, á marxe de tendencias que pasaron, están ou virán, co rock abandonado mediaticamente á súa sorte. Seguen nese nivel de excelencia no que se asentaron hai un par de décadas. Autoesixentes e entusiastas, amosan o oficio de conxugar músicas e letras con mestría, credibilidade e na tradición de nomes ilustres como Brincos, 091, Enemigos … Poderiamos tirar de tópicos como que non teñen o recoñecemento que merecen, pero o seu é resistir a base de cancións con maiúsculas e asumir con lustre a súa condición: “Dejadme envejecer sin disimulo”. E todo sen artificios: gravan na casa -Bahamas Estudi de Gravació-, seguen a se autoeditar con Bonavena Música e o seu harmonicista Chumi asina outro traballazo na portada e maquetación.
Pepe Cunha, 1-agosto-2023
https://doctordivago.bandcamp.com/album/la-tierra-prometida
repertorio
El día después
Mi suerte y la tuya también
Ojos de serrín
De puntillas (mejor dicho, levitando)
La tierra prometida
Tan ocupado
La verdadera luz
La gloria y los insultos
El autillo vuelve a cantar
El anciano de la tribu