Levan en activo 20 anos e este xa é o seu noveno álbum. Se non os coñeces, lembra aquelo de “nunca é tarde …”. Sen ir máis lonxe, eu coñecinos hai só 6 ou 7 anos, grazas as cancións “Tirando a dar” e “Un minuto antes de la realidad”, que chamaron a miña atención polo seu rock de corte clásico, asentado con solidez sobre influencias dos 60 e 70 -tanto hispanas coma foráneas- e unhas letras con carácter, selo de seu e ben traballadas. Os seus seguintes álbumes, os magníficos “Revuelta elemental” (2006) e “Las canciones del año que viene” (2008), xa foron ben recibidos nesta web e no 2010 non só non baixan o listón senón que asinan un álbum redondo. Nuns tempos nos que as emisoras de radio apostan máis por ouvintes que por escoitantes, bandas coma Doctor Divago loitan sen présa pero sen pausa por entregar produtos dunha calidade moi superior á media xeral. Prestarlles un chisco de atención e paciencia volve ter o premio dunha colección de cancións atemporais que ir degustando a cada escoita. Mais non pensemos en cancións difíciles ou experimentais, nin moito menos. Coma probas, os retrousos de “Rock’n’roll cuagulado” , os coros de “Las especies del abismo”, o ritmo máis lixeiro de “El asesino tocaba la armónica”, as rabiosas “Silencio” e “La oficina de los ojos rojos”, as máis pop “Te conservo en miel” ou “Huele a felicidad”, a balada “Mis fallos (uno por uno)”. Unha vez máis, as reflexións quasipoéticas de Manolo Bertrán son convertidas en intensas cancións mediante un notable traballo de banda: as guitarras soan magníficas, a base rítmica domina a intensidade necesaria en cada liña e a harmónica de Chumi -que volve lucirse no deseño e a maquetación- achega outro ingrediente máis á receita deste Doctor. E quedan por mencionar pezas tan logradas coma “Los amantes faquires”, “Aquel accidente”, “Las memorias del tiempo” ou a que titula o álbum. Cantos discos conseguen manter tal intensidade durante 40 minutos? Edita La Produktiva.
Pepe Cunha 2-decembro-2010
Featured