doctor divago “imperio”

Outubro 30, 2013

Tras entregar tres álbumes como “Revuelta elemental” (2005), “Las canciones del año que viene” (2008) e “La belleza muda de los secretos del mar” (La Produktiva, 2010), quédalle algo por demostrar a esta banda valenciana? Pois si, que son quen de seguir regalando cancións boas a quen as demandamos. Seguen nunha viaxe tranquila por estradas musicais que coñecen, clásicas e fiabeis, as dun rock elegante en castelán, ora transitadas ora esquecidas segundo dicten as tendencias. Con vinte anos de traxectoria pouco lles preocupará xa captar máis audiencia, pois nunca estiveron de moda e probabelmente nunca o estean. Ben saben que o seu é seguir confeccionando cancións cun selo de seu, das que perduran. O seu compromiso é o auténtico: gozar co que fan e transmitilo coa mellor factura posíbel.

Neste décimo álbum resulta moi difícil separar cancións redondas de pezas frouxas. Cada unha delas ten encanto propio e cada ouvinte terá varias preferidas, segundo o ánimo. Atopamos melodías dos 60, guitarras e harmónicas rabiosas (“Ni una pizca de tu amor”, “92 horas”), a graxa do pub rock e unha base rítmica impecábel (“Solo la mitad de la mitad de mí”), lenes pingas de psicodelia, coros pop, letras que enganchan (a historia da vedette “Gracia Imperio”, o boxeador “Barney Ross” ou lembranzas do cantautor levantino “Sonaba Julio Galcerá”), intimidade e reflexión tinxida de melancolía (“Debilidad”, “Una Vida Plena”… ), un medio tempo impecábel (“La deriva continental”) …

Os Divago son uns verdadeiros melómanos e iso nótase nas múltiples influencias sonoras que asimilaron e reflicten: rock & roll primixenio, pop dos sesenta, power pop, new wave, blues, … Manolo Bertrán sabe narrar, consegue transmitir sen grandes frases ou metáforas, con menos espesura da que algunha vez pecaba. A sabiduría failles dar a cada canción o que necesita, sen pretender mesturar todo o que saben. O resultado é que a conxunción de letras e música está moi por riba do media e redondean 10 cancións directas en 32 minutos. Así, “Imperio” é un álbum que se escoita do tirón, unha e outra vez. Non cambian, non sorprenden, insisten en facer cada vez mellores cancións e seguen no seu mellor momento.

Nas ilustracións e maquetación volve lucirse o harmonicista da banda “Chumi” e desta vez editan co selo discográfico Bonavena Música, estreado hai uns meses con Los Radiadores.

Pepe Cunha, 30-out-2013

AXENDA

Facebook

7 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook