doctor divago “especial de la casa”

Decembro 30, 2014

O pasado mes de novembro, esta banda valenciana cumpría 25 anos de traxectoria, algo do que moi poucas poden presumir e menos no estado de forma no que esta leva instalada máis dunha unha década. “Ligero como una pluma” e “Hoy”, as dúas cancións novas deste compilatorio, confirman un momento creativo notable (seguido neste portal desde a súa primeira visita ao festival Felipop). Acorde cos tempos que corren, para o repaso de clásicos tiveron en conta tamén as opinións d@s seareir@s nas redes sociais. A disposición non segue orde cronolóxica e vai facendo entre 1 e 3 paradas por álbum ademais de recuperar a rocanroleira “Lo que me desespera”, aparecida nun CD single.

O CD vén acompañado dun DVD con “Los tontos buenos tiempos”, documental sobre a traxectoria do grupo a cargo da produtora valenciana Cápsulas Musicales, e catro videclips máis con invitados especiais interpretando 3 versións (P.F. Sloan, DeShannon e Bob Dylan) e un tema do propio Manolo Bertrán. Á altura do pack, portada e deseño estupendas a cargo unha vez máis do armonicista do grupo Antonio Chumillas “Chumi” e fotos de Jorge Bellver.. E por se fose pouca celebración, Carena editors publica un libro sobre a historia da banda escrito polo xornalista musical Mariano López. Tirando para casa, poderiamos dicir que só falta que a xira do 25 aniversario chegue a Galiza.

“No tan bueno”, “Los tontos buenos tiempos”, “Gracia Imperio”, “Silencio”, “Frunciendo el ceño”, “Tirando a dar”, “La habitación de Charo”, “Srta. Alfa”, “Un minuto antes de la realidad”… son combinacións redondas dos textos de Manolo Bertrán e o son compacto dunha banda que reflicte con solvencia diferentes tendencias da escola do pop-rock. Se nalgún momento poden sonar menos directos ou asequibles que outras bandas de corte similar, esta escolma serve coma unha introdución ben dixerible ao seu repertorio. Nunca é tarde para degustar cancións ben feitas como as que aquí repasa Doctor Divago, sinónimo tamén de independencia, honestidade, coherencia e constancia.

Pepe Cunha, 30-decembro-2014

AXENDA

Facebook