Doctor Divago “Complejo Alquería Frailes 13”

Xaneiro 31, 2018

Desde hai máis dunha década, recibir un álbum desta banda valenciana significa atoparse con cancións salientabeis nos parámetros e a tradición do mellor pop-rock clásico. Xa pasan dos 25 anos, como celebraron a finais de 2014 co estupendo recompilatorio e documental ”Especial de la casa”, pero talvez nos últimos tempos é cando a súa obra amosa un acabado máis brillante. Sempre alleos a modas e recoñecemento popular, os Divago seguen por libre, ao seu ritmo, constantes, medindo ben os pasos para non entregaren calquera cousa. Quen agardamos novas cancións confiamos no seu traballo e sabemos que paga a pena esperar; que non imos quedar coa primeira impresión e apreciaremos os matices coas escoitas.

E iso volve pasar con este décimo segundo álbum, titulado en homenaxe ao local de ensaio onde a banda redondea as cancións de Manolo Bertrán. Todas as características da banda están sobradamente maceradas desde hai tempo coa complicidade do produtor Dani Cardona: un son estimulante, sólido e elegante (solos vibrantes de guitarra, harmónica, batería, baixo e coros) e os xeitos dun vocalista e escritor convincente … pero non deixan de presentar algunha novidade sonora, neste caso os aires soul – rhythm and blues – Motown en “Al cuarto día” ou “Aún queda vino”. Tiran do punk, o rockabilly, o power pop … e non falta unha letra sobre boxeo como “El tercer hombre en el ring” (o selo que comparten con Los Radiadores de Raúl Tamarit colle o seu nome do boxeador arxentino Bonavena).

“Complejo Alquería Frailes 13” amosa todos os puntos fortes da banda, polo que estamos ante unha introdución perfecta a ela se prescindimos da obviedade dun “grandes éxitos”. Contén cancións notabeis (“El humor”, “Engáñame”, “Todas los cielos son la misma vida” … ) ou sobresaíntes (“Los pies en la tierra”, “El viaje largo”, “Al cuarto día” …), con obsesións persoais, reflexións ou metáforas da realidade, ás veces enigmáticas, outras máis directas, pero nunca obvias. Se había dúbidas tras as celebracións, quedan disipadas cun dos seus mellores discos. Talvez o mellor porque é o último, pero o tempo dirá. E o harmonicista Chumi volve marcarse un deseño dos que molan.

Pepe Cunha, 31-xaneiro-2018

AXENDA

Facebook