Aínda que o grupo DOA editara o seu primeiro álbum hai máis de 30 anos, a súa produción discográfica é escasa en relación co seu estatus de precursores na mestura do folk con outros estilos como o rock, o jazz e a música clásica ou de cámara, ademais do rexurdimento da música antiga. Precisamente este novo A fronda dos cervos é unha colección de dez pezas musicais que nos transportan á Idade Media, á lírica galega medieval. T res dos fundadores do grupo ( os polifacéticos artistas Xoan Piñón, Xaquín Blanco e Bernardo Martínez) fan dúas notabilísimas incorporación á banda: o zanfonista Oscar Fernández ( Os Cempés, Bonovo e gran difusor da zanfona) e a impresionante voz da soprano Susana de Lorenzo . As músicas de Bernardo Martínez, Xoán Piñón e Xosé Quintas Canella procuran o espírito medieval cunha frescura clásica e evocadora musicando Cantigas, de Amigo principalmente, dos xograres Pero Meogo ( “Verdes herbas” e “Levousa fremosa”), Meendinho ( “Sedíame eu na ermida de San Simón” ) ou Arias Nunes (“Porque no mundo mengou a verdade”). Tamén interpretan as pautas antigas das Cantigas de Santa María, de Alfonso X de Borgoña ou o Códice Calixtino, polo que o álbum resulta equilibrado no musical entre a tradición e un certo espírito actual. Coma guinda, o libreto merece mención especial tamén, pois inclúe unha fermosa introdución da poetisa Eva Veiga en torno á figura do cervo, unha acaída descrición do tempo literario e histórico da lírica galego-portuguesa asinado por Federico Pérez e unhas magníficas fotos do propio Xoan Piñón, ademais de textos sobre os autores. Unha xoia musico-didáctica. Edita Do Fol.
Pepe Cunha 10-maio-2011
Featured