disco las palmeras! “nihil obstat”

Febreiro 06, 2011

Se querían desconcertar co nome, esta formación saída de Sarria bautizouse ben, porque non é precisamente música tropical ou cálida o que produce. A súa querencia polo rock noise ou o shoegaze remítenos a bandas británicas como My Bloody Valentine, Spacemen 3, The Jesus And Mary Chain, españolas como El columpio asesino e algunha do Xixón Sound como os Penelope Trip e, por que non?, os galegos Triángulo de Amor Bizarro na súa versión menos salvaxe. Diego Castro (guitarra e voz), David Lorenzo (batería) e Selín Pallares (guitarra) forman este trío que substitúe o habitual baixo co engadido dunha corda de baixo, os efectos obtidos dos pedais e múltiples amplificadores. Acorde coa sensación que transmite a súa música, as letras e títulos son escuros (“Testigos de Dios”), misteriosos (“Del miedo a mis viajes”), críticos (“La soga umbilical”) e mesmo apocalípticos (“Los economistas”). Tras a boa aceptación das súas maquetas en varios concursos, gravaron antes do verán de 2010 en Vigo (estudios Metrópolis) e Pontevedra (Lithium) coa produción de Iago Lorenzo, que tamén meteu algunas guitarras. O resultado é un potente debut que se edita como a segunda referencia do novo selo Matapadre. “Nihil obstat” é unha abafante nebulosa de capas de son, guitarras afiadas e contundentes baterías que se acompañan da experimentación con infinidade de amplificadores, guitarras e pedais para entregar tan bos resultados como “A los indecisos”, “Me la jugasteis en China”, “Estados emocionales (y Vaticanos)” ou “Los nuevos nihilistas”.
Pepe Cunha 6-feb-2011

Facebook