Pasaron máis de 5 anos da aparición do seu álbum “Xénese”, un fito de vendas e repercusión na música popular galega, non só do hip-hop. A crew de Ordes non estivo parada, nin moito menos, pero esta continuación vén amosar que coidan a súa produción con moita profesionalidade, agarimo e meticulosidade. Así chega por fin un álbum que non defrauda en absoluto, ao igual que os seus directos de presentación. E referímonos a calquera ouvinte que se achegue sen prexuízos estilísticos. Porque o traballo de DKTC chega máis aló dun suposto público limitado ao hip-hop. Gravaron con calma nos seus estudios Rapapoulo e puxeron a guinda dunha masterización en New York a cargo de Tony Dawsey. Así brillan aínda máis o impresionante gusto para a produción musical de Mou, os scratches de Dj Murdock e os arranxos musicias que envolven uns textos comprometidos, claros e directos ao 100%. O título de “Humanose” refírese á principal ameaza para o noso planeta: a propia humanidade. Así, van repasando e denunciando o abuso do sistema norteamericano (“Están tolos!”), a apropiación do espazo urbano (“É de todos!”), a escravitude das tendencias (“Dame ighual!” coa colaboración d’O Leo) … e non esquecen a invitación de participación do público en “Berra!”. Entre as colaboracións, cómpre mencionar a do actor Miguel de Lira como o cabo Ameneiro da Guardia Civil en “As dúas caras da moeda”, o saxo de Gilbert Carballo en “4ª guerra mundial” e a banda metaleira Machina en “Benvido a Mördor 2.0” e “Rebenta”. A presentación física conta co impactante traballo artístico está asinado por Liqen & Sekone e a maquetación por Muante Creativo. . Non sabemos se haberá que esperar outros cinco anos para un terceiro longa duración, pero se é necesario para que o resultado raia a esta altura, perdoarémosllelo.
Edita a nivel estatal BOA: www.boamusica.com
Pepe Cunha 1-nov-2011