Practicamente todo o bo que comentei do seu anterior “Vengo caminando” encaixaría aquí porque volvo apreciar o que fai deste onubense un artista de gran relevancia para aprendices e consagrados. Chegou aos Grammy Latinos desde a independencia creativa e a autoedición, á marxe das imposicións ou presións das multinacionais, e iso está para moi poucos. “Ser uno mismo no es pa’ cobardes“, que canta na canción imponente que abre e titula o disco, todo un exemplo da liberdade artística e o compromiso que domina as dez cancións do álbum, de novo cociñadas con calma e sapiencia. El avisa: “Si estás cansao de siempre lo mismo, del reguetón y su maquinismo, abran la pista que vamos a aterrizar con el flamenco y su mecanismo”. Si, se queres música de consumo fácil, este podería non ser o teu disco.
E digo “podería” porque se me antolla un traballo que aguanta ese equilibrio tan difícil entre atraer unha escoita familiar ou asequíbel cando só un pouco de atención xa o revela complexo e sofisticado nas harmonías ou nos arranxos, así como honesto no que conta nas súas letras. Escoitemos, por exemplo, as cordas do Cuarteto Bauhaus en “La mueve el aire” e “El reloj de arena”. Guerrero semella tan perfeccionista e comprometido no musical como no lírico; e ademais xeneroso, porque nos créditos apreciamos colaboracións abondas tanto nas interpretacións como nas composicións. Lectura que pode parecer anecdótica pero que se xustifica totalmente cando sentimos que canción a canción o acabado resulta impecábel, que a maquinaria consta de moitas partes e engranaxes que encaixar para que funcione sen fisuras.
“Por la tangente” é tan auténtico como o ar fresco que entra pola fiestra para que “Las velas de mi barca las mueva el aire”. Diego Guerrero e o seu círculo (ollo cos que tamén o acompañan nos directos!) regresan para seguir a esborrallar desde a súa esencia flamenca as fronteiras da tradición. Volven aquelar con elegancia esa fusión do flamenco, o jazz e os ritmos latinos presentando este menú estilístico: timba flamenca, bulería, tanguillos, rumba flamenca, tangos (“Manifiesto” ten outra desas letras que son auténticas labazadas), zambra, canción por tangos (“Azules” é das miñas favoritas e un hit en potencia) ou o poema con aire de taranta “La ruta del pan”. Por certo, que ben lles quedaron a versión de “El necio” de Silvio Rodríguez e a colaboración con Los Yakis en “Vengo pa quedarme” !
Pepe Cunha, 3-maio-2023
repertorio
Por la Tangente
El Tren de Juañares
La Mueve el Aire
Diego Guerrero feat. Los Yakis – Vengo pa Quedarme
Manifiesto
Horcas y Cuchillos
El Reloj de Arena
Azules
El Necio
La Ruta del Pan