diego garcía presenta El Twanguero “Argentina Songbook”

Abril 21, 2014

Hai álbumes especiais que quedan agochados entre outros lanzamentos que si conseguen maior exposición mediática con menos méritos. O cuarto disco do guitarrista valenciano Diego García, “Argentina Songbook”, conta con ganchos inmediatos para chamar a atención “á primeira”, como a presencia de Andrés Calamaro, Enrique Bunbury, Diego el Cigala, Fito Páez e Ely Guerra cantando entre outras pezas instrumentais. Mais a alma deste álbum é reflectir un momento creativo do músico (estancia e gravación en Buenos Aires) acompañado por unha selección coidada de cancións e artistas. Se chegase a máis público grazas a uns colaboradores de luxo, mellor, pero non debe considerarse nin moito menos un obxectivo ou estratexia. Aproveitamos a visita a Galiza de Diego García a Galiza para repescar este álbum tan recomendábel.

Como é de esperar da produción en solitario dun músico tan reputado e solicitado na profesión (Andrés Calamaro, Los Hermanos Auserón, Jaime Urrutia…), existe protagonismo e lucimento do instrumento, pero non teñas nin un chisco de medo en te achegar e caer no feitizo destas interpretacións. Os títulos elixidos forman parte do cancioneiro arxentino, desde o folklore até o rock das últimas décadas (Astor Piazzolla, Atahualpa Yupanqui, Andrés Calamaro, Charly García, Gustavo Cerati … ) e aquí seguen a ser cancións para goze de intérpretes e ouvintes. Xa que logo, se pensas que o virtuosismo adoita resultar tedioso, comproba que técnica e sentimento si van da man con este guitarrista.

Comeza abraiante versionando a Piazzola en “Violentango” e deseguido o álbum vai alternando as cancións instrumentais coas cantadas por Calamaro (“La pulpera de Santa Lucía”), Bunbury (“Guitarra dímelo tú”), El Cigala (“Naranjo en flor”), Fito Páez (“Me voy quedando”) e Ely Guerra (“Tabú”). “El día que me quieras” ou “Comida china” namoran en instrumental aínda non sendo doados de recoñecer con respecto das orixinais. Menciónoas por tratarse dos títulos máis recoñecíbeis, que “Tonada” ou “Ojos de videotape” me gustan tanto ou máis. “Argentina Songbook” soa clásico por esa guitarra “twanguera” dos anos 50 pero as relecturas das cancións antóllanseme modernas.

Pepe Cunha, 21-abril-2014

AXENDA