nota :
Espíritusanto, Fagot y Popota, Grampoder, La Bande Ornythorinque, Los Árboles, Los Huéspedes Felices, Nouvelle Cuisine, Pedrito Diablo y Los Cadáveras, Unicornibot e Wild Balbina son as dez bandas que tocarán o 15 de xuño no festival
Ata dez bandas galegas darán forma ao cartel musical da Romaría Pop que se celebrará o próximo 15 de xuño no Parque de Belvís de Santiago de Compostela. Unha selección do máis ecléctica, que abarca dende o pop de corte máis clásico ata sons máis modernos que coquetean coa electrónica, pasando pola psicodelia ou incluso atrevéndose có rock’n’roll. Estas son as bandas seleccionadas:
Espíritusanto
Guitarras reverberantes e teclados con orixe nos anos 90 cunhas claras referencias aos sons procedentes do shoegaze e o noise pop anglosaxón, marcan as composicións deste quinteto afincado en Madrid pero con raíces galegas.
Fagot y Popota
Nalgún territorio recóndito onde os galos Air fosen bater con Vainica Doble, toma forma a moi particular mestura de dúas personalidades como as de Fagot (Diego Lamas) e Popota (Roberto Casteleiro).
Grampoder
Tras aventuras anteriores e presentes como The Homens, Stay Pretty, Fame Neghra ou Mato Grosso, Le Roi e Martin Wu agora practican unha sorte de rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico ou se cadra hardcore comeflores, cunhas letras nas que demostran ter moi boa puntería.
La Bande Ornythorinque
A conxunción de Álex Casanova e Marvin B da vida ao debut mundial de La Bande Ornythorinque, que esmiuzarán con desigual sorte versións arranxadas para a ocasión de bandas como AIR, Portishead, Kraftwerk ou Massive Attack, dando vida a un pequeno set dirixido aos máis pequechos
Los Árboles
Los Árboles son un quinteto compostelán de pop con maiúsculas e sen etiquetas de xénero, emparentándose cos mellores grupos de pop cantado en español, dende Nacha Pop ou Golpes Bajos, ata o Xoel López menos histriónico, pasando, incluso, por El Niño Gusano.
Los Huéspedes Felices
Con unha carreira que abrangue xa 20 anos, a súa música móvese a medio camiño entre o pop, o folk, o rock e a psicodelia de corte sesentero; guitarras, teclados e armonías vocais por doquier fan dos Huéspedes unha das bandas a reivindicar alén das nosas fronteiras.
Nouvelle Cuisine
Nouvelle Cuisine levan máis de 12 años facendo cancións, pasando do pop guitarreiro á electrónica máis refinada con paradas na música popular. No seu último traballo nos traen electropop intimista no que se achegan aos sons de grupos como Astrud, Dominique A ou Entre Ríos.
Pedrito Diablo y Los Cadáveras
Surf, rock&roll, fronteira e garaxe afloran nas cancións de Pedrito Diablo y Los Cadáveras, elegantes e impecablemente executadas e que están cheas de reminiscencias de clásicos do xénero instrumental coma The Ventures, Link Wray, Duane Eddy, Trashmen, Dick Dale, Los Destellos ou Los Relámpagos.
Unicornibot
Posuidores dun dos directos máis intensos, rápidos, precisos e suorosos dos que se poden ver por estes lares, os Unicornibot beben do math de Don Caballero ou do post core dos Fugazi, unha fórmula que os ten levado a tocar en algúns dos festivais máis prestixiosos alén da nosa terra.
Wild Balbina
Wild Balbina é un novísimo grupo vigués cun marcado estilo que recorda aos grupos de chicas californianos na estela de Best Coast ou Vivian Girls, e que conta con melodías excelentes, medio surferas, medio punk-pop, sempre melancólicas, que atrapan enseguida.
Moi pronto daremos detalles do resto de actividades que se celebrarán o 15 de xuño en Belvís, e que ao igual que acontecese o ano pasado, están enfocadas aos máis pequenos da casa.