Devalo “Luz / sombra”

Maio 04, 2022

David Miranda non é un acabado de chegar, senón un reencontrado nas músicas galegas, pois o seu nome aparecía en Nouvelle Cuisine ou en The Cripple and The Tramp. Compón, grava e tamén deseña en Gales, onde leva anos vivindo, e esa distancia sumada á madurez vital semella achegar unha carga notábel de morriña e melancolía ao seu proxecto actual. Bautizado como Devalo, debutou con “Noites Contadas” (Ferror Records, 2020) e recibiu unha boa acollida no underground galego.

Daquel traballo mantén a influencia clara do synth-pop dos 80, o dream pop ou o shoegazing, incidindo na combinación de electrónica e guitarras, aínda que estas teñen agora maior protagonismo. Xa nolo adianta: “coa superposición de varias capas de guitarras, e tamén busquei un son máis orgánico no baixo e a batería.” Porén, nalgunhas cancións a electrónica segue a ser a protagonista, cos sintetizadores e os ritmos programados en primeiro plano. Apreciamos o contraste entre a luminosidade da música e certa escuridade nos versos (“Melancholie”, “Operario”, “Houdini” …) e ao revés (“Lume” ou esa “Luz” que nos lembra Family). Ademais destas, salientaría “Control” pola denuncia da sociedade en que vivimos, o apoio á loita da muller de “Ningunha”, o chisco á música tradicional galega en “Ar” ou a peza bailábel “Adiante”.

Como apunta o título, trátase dun disco que, sen abandonar a esperanza, se move entre as luces e as sombras. Observa o presente e asimila o pouso que deixaron as lembranzas e así encontramos dor, frustración ou rabia. Mais tamén o inconformismo e a loita por manter ese xute de optimismo e esperanza de algo mellor, de nos coidar e reflexionar sobre o cambio en cadaquén e na realidade ao redor. Talvez en conxunto peque de longo e denso, pero “Luz / sombra” ten moitas cancións a degustar, especialmente para os ouvidos con querencia pola escea alternativa de O.M.D, New Order, Slowdive, My Bloody Valentine, The Jesus and Mary Chain, Beach House, M83 …

Pepe Cunha, 4-maio-22.

repertorio.
1. Sombra
2. Crofton
3. 8-bit
4. Melancholie
5. Invisible
6. Control
7. Ningunha
8. Operario
9. Lume
10.Ar
11.Houdini
12. Supernova
13.Adiante
14. Luz

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook