Devalo “Azul vindeiro”

Setembro 03, 2024

Desde Gales, vía Ferror Records, chega o terceiro álbum do proxecto de guitarras e sintetizadores lo-fi e DIY (faino ti mesmo) de David Miranda. Cun abano de influencias dos primeiros oitenta británicos, di o coruñés que nesta colección “tratei de afastarme dunha búsqueda consciente de modelos musicais. Malia que todas as influencias sigan aí, deixeinas aflorar en vez de saír ao campo a buscalas.” Nunha primeira escoita apreciamos que, con respecto a “Noites contadas” (2020) e “Luz/Sombra” (2022), este traballo resulta máis lixeiro nesas capas e arranxos de guitarra eléctrica e sintetizadores marca da casa. Agora corre máis o aire e brillan máis unhas melodías que dominan e enganchan.

Ademais de nas influencias, a idade do protagonista nótase tamén na temática das cancións, madura e reflexiva. Varias letras falan “de recuperar a capacidade de pensar no futuro. Actualmente vivimos nunha crise continua, por culpa da cal xa non somos capaces de proxectarnos máis alá do presente inmediato”. Por outro lado, como se quixese ser optimista e compensar ese pesimismo-realismo, outras liñas “celebran unha sorte de hedonismo social, de celebración da vida, da amizade e do amor”. Coa final e notábel “Desextinción do ser” a xustificar que “este non chega a ser, aínda, un disco optimista”, a variedade vai dende o comezo intenso de “Zombies en Londres”, a brillante “A idade do descontento”, o himno potencial “Rachí” e entre elas a máis escura “Cíclica historia universal da infamia”. Deseguido as guitarras máis rabiosas co bombo marcando potente en “IRL”, máis pop no sentido bon de asequíbel son a bailábel “Bastilla” e a comedida “Natureza case morta”. “Lixivia” é electropop acelerado e “Pfeilstorch” o exemplo dunha estrutura máis complexa.

Gustará máis ou menos o estilo, a voz, a instrumentación, pero David (ex-Nouvelle Cuisine) é dos que seguen ben o manual de facer cancións de 3-4 minutos e este “Azul vindeiro” consolida a de Devalo como unha proposta singular, necesaria, outra rara avis para o collage sonoro das músicas en galego. Unha mágoa a edición física cativa na que non brilla a imaxe pintada pola artista bretoa Dominique Rolland.

Pepe Cunha, 3-setembro-2024

escóitao no bandcamp de Ferror Records

repertorio
1. Zombies en Londres
2.A idade do descontento
3.Cíclica historia universal da infamia
4.Rachí
5.IRL
6.Bastilla
7.Natureza case morta
8.Lixivia
9.Pfeilstorch
10.Desextinción do ser

AXENDA

Facebook