Desvélanse os finalistas da 8ª edición dos Premios Martín Códax da Música

Outubro 06, 2021

nota:

As Bodegas Martín Códax, en Cambados, foron o escenario este mércores 6 de outubro do encontro de finalistas dos 8º Premios Martín Códax da Música. A partir das seis e media da tarde foron coñecéndose os nomes das 51 bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final desta edición 2021. Ademais, tamén foron desvelados os proxectos finalistas na categoría de Comunicación e Difusión Musical. No evento, con aforo limitado e seguindo tódalas medidas recomendadas polas autoridades sanitarias, estiveron presentes os finalistas, que recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento da súa inclusión na fase final de votación. O encontro contou coa intervención do presidente das adegas, Xoán Antonio Allegue López, e da presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra.

“Dende sempre, dende os nosos inicios, en Bodegas Martín Códax apoiamos a cultura galega como parte da nosa identidade e en especial a música. Este encontro de finalistas dos Premios Martín Códax da Música é un claro exemplo dun proxecto conxunto onde as músicas e músicos, institucións públicas e a empresa privada van da man e do cal estamos moi orgullosos”, sinalou Allegue López nas súas palabras de benvida no encontro de finalistas nas adegas.

O domingo 3 de outubro finalizaban as votacións do xurado dos Premios Martín Códax da Música 2021, organizados por Músicas ao Vivo. “Foron máis de catrocentos os proxectos inscritos nesta oitava edición, algo digno de mención polo difícil momento que o sector viviu e está a vivir nos últimos tempos. Isto demostra a fortaleza e teimosía do noso gremio, malia os paus nas rodas que se nos están a poñer”, explicou Xiana Lastra na súa intervención cun efusivo agradecemento ás Bodegas Martín Códax e aos patrocinadores institucionais -AGADIC, Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra- ás bandas inscritas e ao xurado. Este estivo formado pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista musical Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín.

Radiografía da música en Galicia en 17 categorías

A banda da Loba, Belém Tajes e Espiño son os tres finalistas na categoría de Pop Indie; en Rock, Loiros, Soulwide e Moon Cresta, e en Blues, Funk e Soul, Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío e Enxeito. O Metal tamén ten categoría nos Martín Códax da Música con tres finalistas: N.E.O, Doen e Nuada. MJ Pérez, Gustavo Almeida e Tomás Porteiro chegan á recta final en Canción de Autor/a, e Wöyza, Ilmarto e Marcos de la Fuente en Músicas Urbanas. A categoría de Reggae, Ska e Mestizaxe ten como finalistas a Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band e The Skarnivals; en Eléctronica son Cora Novoa, Allova e Xackal as aspirantes ao premio nesta edición; en Clásica e Contemporánea, Mateo Arnáiz, Alberto Vilas e Fernando Abreu, e en Jazz e Músicas Improvisadas, Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet e María Toro.

A Música Tradicional queda representada con tres finalistas; Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus e Pelepau. O Folk, con Caamaño & Ameixeiras, Fiandola e Joel Padín, e as Músicas do Mundo con Enclave,DOUS e Lamas/ De Miguel/ Romero. A música dirixida ao público cativo e familiar ten categoría propia nos Premios Martín Códax da Música e en 2021 son Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk) e Radio BULEBULE (Paco Nogueiras) os seleccionados para a última fase dos premios. Os tres finalistas na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena son Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos e Bafana Bafana; no caso dos Coros e Grupos Locais, Coro da Ra, Sisters In The House e Encaixe, e as Bandas de Música Popular están representadas na final coa Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada e Banda de Música de Antas de Ulla.

Tamén foron anunciados os finalistas na categoría de Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: o programa de radio O Recanto do Corcovado, o colectivo Galeguiza-t e a exposición Cantámola en galego. Do 11 ao 24 de outubro serán as socias e socios de Músicas ao Vivo, as que voten entre os proxectos finalistas, e o 27 de outubro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, celebrarase a gala de entrega dos 8º Premios Martín Códax da Música. En cada edición dos premios entrégase un premio honorífico, escollido pola xunta directiva de Músicas ao Vivo, a un/unha música/o galega/o ou persoa vinculada directamente á música do país, pola súa traxectoria e carácter referente.

FINALISTAS 8º PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA POR CATEGORÍAS:

Pop e indie: A banda da Loba, Belém Tajes, Espiño

Rock: Loiros, Soulwilde, Moon Cresta

Blues, funk e soul: Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío, Enxeito

Metal: N.E.O, Doen, Nuada

Canción de Autor/a: MJ Pérez, Gustavo Almeida, Tomás Porteiro

Músicas urbanas: Wöyza, Ilmarto, Marcos de la Fuente

Reggae, Ska e Mestizaxe: Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band, The Skarnivals

Electrónica: Allova, Cora Novoa, Xackal

Música clásica e Contemporánea: Mateo Arnáiz, Alberto Vilas (“Naialma”), Fernando Abreu

Jazz e Músicas Improvisadas: Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet, María Toro (“Fume”)

Música tradicional: Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Carapaus, Pelepau

Música Folk: Caamaño & Ameixeiras, Fiandola, Joel Padín

Músicas do Mundo: Enclave, DOUS, Lamas/ De Miguel/ Romero

Música Infantil: Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk), Radio BULEBULE (Paco Nogueiras)

Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos, Bafana Bafana

Coros e Grupos Vocais: Coro da Ra, Sisters In The House, Encaixe

Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada, Banda de Música de Antas de Ulla

Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: O Recanto do Corcovado, Galeguiza-t, Cantámola en galego

AXENDA