Despedimos a Niño y pistola

Maio 07, 2015

Como dicía a letra de Manuel Alejandro, “a veces llegan cartas” … e hai 8 ou 9 anos chegoume unha desas que se lembran. Un novo selo catalán, Mulberry Records, contactábanme por mor do debut dunha banda galega da que eu non tiña noticia. Evidentemente, dirixir un medio galego e enterarme dalgo do meu país desde Cataluña ten o seu aquel. Sempre se espera máis contacto e comunicación desde dentro pero estas liñas non son para queixarme das nosas eivas, senón para me despedir dunha banda que me acompañou desde entón, pois a vin crecer nas súas gravacións e non poucos concertos.

O nome non semellaba o máis atractivo para unha banda, a súa proposta era clásica, pouco orixinal … e nen sequera apostaban polo galego, algo que os diferenciaría. No musical arrecendían primeiro a Beatles e Jayhawks e co tempo máis a Creedence Clearwater Revival, The Band ou Neil Young, polo que a miña simpatía estaba algo gañada xa. Aquel primeiro disco acústico e un concerto no Felipop onde case conseguen o silencio total da asistencia foron o detonante. A diferencia viña marcada por un detallismo pouco frecuente, exquisito, tanto no seu son ao vivo como na edición das gravacións, coidadas no visual e que mesmo propuñan discos conceptuais ou invención de personaxes. Deste xeito, e en tempos de pouco gasto en música, pagar polos seus concertos ou discos non doía no peto. Máis ben o contrario.

Xira a xira, no comezo ou na recta final e en condicións diversas (Sala Super8, Sala Capitol, Romaría Pop, a Praza do Tapal en Noia …), fun constantando que o seu directo marcaba a diferenza por impecábel, sen fisuras. Ademais, atopábame con eles entre o público en concertos doutras bandas, algo menos habitual do que poderiamos pensar. Alí coindimos gozando como melómanos e eles tomando nota coma músicos perfeccionistas.

Niño y pistola son proba de que o traballo digno e honesto pode estar por riba da orixinalidade, que gaña o respecto independentemente do estilo musical. E falo dun respecto que colleitaron tamén por España adiante. Si, a pose chama a atención e distingue, pero ten que haber “un curro” detrás. Argumentan que “los tiempos cambian, nos hacemos mayores y nuestros compromisos vitales marcan una serie de caminos que no podemos atajar” e os cambios en forma de parches mudarían o produto final, que xa sería outro.

Vaia o meu respecto máximo por esta decisión e o desexo ávido de que estes músicos manteñan noutros proxectos -xa existentes ou por vir- boa parte da aprendizaxe adquirida coa banda. Vereinos en eléctrico este venres 8 na Sala Capitol, onde me farei con outro disco coidado (o EP en vinilo “Bye Kid”) e sentirei envexa sá d@s afortunad@s que degustarán o adeus acústico no Café & Pop Torgal de Ourense.

Unha vez pechada a súa traxectoria, queda un nome de referencia e, como mínimo, dous discos magníficos para a música pop-rock feita en Galiza: “As Arthur and the Writers” e “There”s a Man With A Gun Over There”. Grazas e … adeus, mozo! Bye, kid!

Pepe Cunha, 7-maio-2015

AXENDA

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook