descarga ao vivo: Cuba-Galiza 2009

Decembro 22, 2009

Resumamos a historia: Ramón Pinheiro Almuinha levou a cabo unha investigación musical reflectida no libro “A la Habana quiero ir. La música gallega en Cuba” (Sotelo Blanco, 2009). Baixo a súa dirección artística, a Central Folque embarcouse na aventura de xuntar os artistas que fusionarían a música galega e a cubana nuns concertos. Pois agora, do material obtido nos concertos na Habana, A Coruña, Compostela e Vigo, Falcatruada presenta este pack de CD + DVD.

Falemos agora do musical: o cubano Alejandro Vargas -que pianista!- e os galegos Pedro Pascual e Marcos Teira dirixiron unha orquestra mixta na que figuran o trío de jazz do primeiro, outros músicos cubanos e unha representación notábel da actual escena galega, desde Guadi Galego, os Marful ao completo e os Berrogüetto Xabier Díaz e Quim Farinha, até o saxo de Pablo Castanho, pasando polo gaiteiro Edelmiro Fernández e o zanfonista Óscar Fernández. O mellor de cada casa, que se soe dicir. Pois se a este salientábel elenco lle sumamos un repertorio escollido con agarimo, temos os ingredientes para un gran disco.

Para o noso gozo, o resultado confirma as expectativas, ao ser sobrada maioría os momentos no que as pezas cobran sentido de seu, deixando que cada estilo domine con naturalidade, xa sexa habanera, rumba, jota, muiñeira, danzón ou jazz latino. Compróbeno en “Rumbas”, “Cuba-Galicia”, “Empanada de pollos” ou “O indiano”. Coma sobremesa, no DVD contamos visualmente non só coas actuacións dos músicos, senon tamén coa dos bailaríns, ademais dun álbum de fotos e unha anecdótica interpretación do mítico “Aí vén o maio” a cargo de Pablo Milanés.

Pepe Cunha 22-decembro-09

AXENDA