Esta formación coruñesa deuse a coñecer en locais tan emblemáticos e asociados á música tradicional galega como A Cova Céltica ou A Casa das Crechas. Tras só uns anos de actividade e consolidados como sexteto, tras a incorporación de Irene Cerqueiro como vocalista e instrumentista, presentan un debut discográfico sólido e conceptual. Sólido porque teñen claro como queren soar e conceptual porque o álbum xira en torno ás lendas do imaxinario popular sobre a mitoloxía da auga e as xacias, os seres mitolóxicos que habitan nela.
Nestas once composicións propias, a banda exprésase nas sonoridades da música tradicional, de raíz, nos ritmos celtas ou atlánticos, na liña duns Luar na Lubre ou Milladoiro, e influenciada por bandas estranxeiras da mesma corrente, como The Tannahil Weavers. En canto á temática, procuran a inspiración na memoria popular, nas cantigas, en historias como a da xacia que vive no Miño, a de Sabel -filla dunha xacia e un humano- ou en poemas ben acaídos tematicamente de Adela Figueroa, Ramón Cabanillas, Luis Maquieira. …
Apoiado nun proceso de micromecenado e a produción de Mirmidón, o disco foi gravado con achegas de instrumentistas tan salientábeis como Nani García, Xosé Liz, Bieito Romero, Javier Cedrón, Xabier Ferreiro, ou as voces de Víctor Iglesias en “Camiño á fonte” e Sés en “Xacia Valsira” e “O Barqueiro”. Un debut de factura notábel que agradará a amantes das músicas celtas, aínda que aquí a etiqueta si exerza coma límite para outros ouvidos. Porén, non deixen de probar.
Pepe Cunha, 28-outubro-2020