nota:
“Todo va a salir bien” é o berro de guerra de Jairo, é un sairemos desta, un poderemos con iso. O proxecto non é unha mera recompilación de andanzas xunto a colegas para colorear os temas xa coñecidos, é unha oportunidade de volver interpretar parte do seu cancioneiro unha vez que as composicións colleron o sabor da barrica de centos e centos de concertos. Así deberían de gravarse os discos, nunha soa toma despois de soar en ducias e ducias de lugares en todo o mundo.
Ademais, tres temas non inscritos na discografía de Depedro asómanse a esta nova entrega: “Flores y tamales”, composto xunto ao seu imprescindible Joey Burns para CALEXICO, “Vidas autónomas”, coa colaboración creativa de Camilo Lara, e “Por qué, cómo y cuándo”, no que Jairo se baleira emocionalmente coma nunca.
O resto das cancións están reforzadas por unha banda que está no punto perfecto de cocción, cociñados en Estudio 1 con produción do propio Jairo, que coñece ben o seu receitario. Todo aderezado coa astucia e o olfacto de SANTIAGO AUSERÓN, a naturalidade cristalina de COQUE MALLA, a consistencia recoñecíbel de VETUSTA MORLA, a enerxía fraterna e materna de AMPARO SÁNCHEZ, a delicadeza crúa e pura de LUZ CASAL, o racho contemporáneo de FUEL FANDANGO e a devoción tempestuosa de IZAL.