nota:
As Festas do Apóstolo arrincan co grupo lisboeta Deolinda
O concerto terá lugar na compostelá Praza do Obradoiro despois do pregón, a cargo do catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Anxo Carracedo, o venres 15 ás 23.30 horas
Outras histórias, número un durante meses nas listas de venda portuguesas, é o último disco do cuarteto que integran a vocalista Ana Bacalhau, Pedro da Silva (guitarra), Zé Pedro Leitão (contrabaixo) e Luís José Martins (multi-instrumentista)
As Festas do Apóstolo 2016 arrincan este ano cun grupo de luxo: o afamado cuarteto lisboeta Deolinda, que xa vén arrasando na escena portuguesa e internacional. O público de Compostela terá a ocasión única de ver e escoitar o espectacular directo de Deolinda como apertura das Festas do Apóstolo, este venres 15 ás 23.30 horas, na Praza do Obradoiro. Antes, terá lugar o pregón, este ano a cargo do catedrático de Medicina Legal da USC Anxo Carracedo, no Pazo de Raxoi.
Lonxe das casas de fado cheas de fume e das rúas con azulexos que conforman a imaxinaría portuguesa aos ollos turísticos, Deolinda muda a saudade por unha morea de cancións alegres. Influído tanto polo fado como pola morna caboverdiana e os cantautores portugueses dos setenta, o grupo explora novos estilos neste seu cuarto traballo, Outras Histórias.
O cuarteto que integran Ana Bacalhau (voz), Pedro da Silva (guitarra), Zé Pedro Leitão (contrabaixo) e Luís José Martins (multiinstrumentista) levou un Globo de Ouro e un Premio José Afonso co álbum anterior, Mundo Pequenino, e neste novo disco, coproducido con João Bessa, abren novos camiños aínda non explorados no seu repertorio.