A vocalista de Memphis afincada en París regresaba á Coruña. A resposta do público na cita no Rosalía confirmou que quen a ve fai por repetir para gozar do seu talento, as boas vibracións que transmite e que en cada xira ofrece un repertorio diferente. Neste Jazzatlántica volveu demostrar que tamén é moi grande ao se lucir apoiada nunha banda de músicos ben novos. Novo como é o seu espíritu malia a súa condición de artista sobradamente recoñecida e veterá.
Estes cinco abriron a velada preparando o ambiente cunha introdución dos seus bos 15 minutos onde amosaron as armas que manexaban: frescura e técnica. Ese comezo puido resultar algo duro para quen non é habitual en concertos de jazz instrumental, pero se a protagonista xira con eles, as súas razóns ten e cumpría non inquedarse. A vocalista non tardou en se explicar pois, tras abrir con “Afro Blue” e lembrar que soara na súa anterior visita, anunciou un concerto ecléctico, unha ollada atrás revisitando diferentes momentos da súa carreira. Deste xeito, o pezas en su maioría recoñecibles por ir asociadas a nomes referentes na composición e interpretación: Gershwin, Cole Porter, Abbey Lincoln, Ella Fitzgerald, Nina Simone, Billie Holiday … Porén, non tiñan un tratamento compraciente, previsible, senón que amosaban vida nova “rearranxadas” polo talentoso trompetista que lidera a banda: Theo Croker. O estándar “Love for Sale” foi un exemplo marabilloso cando o concerto apenas estaba comezando.
Por se non chegase o talento desde o palco, o público acabou de caer rendido cos seus comentarios de felicidade e gratitude por compartirmos un día tan especial para o pobo estadounidense como o de “acción de grazas” xunt@s nun teatro tan fermoso. A diva abraiou elegantemente coa súa voz versátil e poderosa, cos seus movementos e poses no palco. Comodísima de xogar coa súa voz, de facer verdadeiro jazz con ela, confesouse encantada de se acompañar de músicos tan novos que, a diferencia dos da súa quinta, gostan de se apartar de lugares xa coñecidos. Ademais da mencionada “Love for Sale”, servidor ten que salientar tamén unhas “Music is the Magic” (Abbey Lincoln) e “Love from the Sun” (Roy Ayers) delicadas e fermosísimas. Nesta última apelou ao amor ante os problemas no mundo e lembrou a recente absolución do policía que asasinou a Michael Brown e que ela cualificou de “racismo” e “punto de inflexión” para a situación do seu pobo.
Aos seus 64 anos, superado xa un cancro e orgullosa dunha filla que con éxito elexiu o seu mesmo camiño, séntese radiante, chea de forza, apaixonada pola súa profesión e fai gozar cun instrumento recoñecido por crítica e público: unha voz que lle permite facer o que quere e que non desaproveita. Cun pé nos estándars e outro na improvisación, interpreta blues, baladas, fai scatt, imita unha trompeta, fai percusión no peito mentres canta, ponse soul e funky con momentazos como “I Can”t Help It” de Michael Jackson e “Living for the City” de Stevie Wonder … Unha diva tan grande en talento como en carisma brindounos unha velada inesquecible na que as 2 horas pasaron voando. E iso é probablemente do mellor que se pode dicir cando un concerto contén unha dose tan xenerosa de improvisación. Pegas? Un son algo alto e unha iluminación algo escasa.
Pepe Cunha, 28-novembro-2014
seguintes citas do JazzAtlántica 2014-2015 no Teatro Rosalía de Castro:
– Bettye Lavette o 17 de marzo
– Lizz Wright o 31 de maio
– Brad Mehldau o 7 de xuño
máis infor en: