debut fermoso de Natalia Lafourcade na Galiza, Auditorio de Ferrol. 18-febreiro-2018

Febreiro 19, 2018

Agás excepcións contadas, os medios musicais españois non teñen unha orella posta ou atenta á América Latina. Prefiren máis do mesmo de aquí e o pop-rock anglosaxón, ademais de abusaren da nostalxia e a mediocridade. Así, quedamos en prexuízos, artistas latinas grandes e/ou interesantes sonnos alleas e resulta difícil que estrelas emerxentes coma a mexicana Natalia Lafourcade podan vir a Europa de xira. Desta vez, sete ou oito anos despois da última ocasión, a repercusión de discos fantásticos como “Hasta la raíz”(2015) e os recentes 2 volumes de “Musas” fixeron viábel unha xira por Europa. E no que nos toca, que unha produtora galega e unha Concellaría de Cultura (Ferrol outra vez) apostasen. Afortunadamente, volveulles saír ben.

Os mencionados e últimos álbumes protagonizaron a maioría do repertorio que Lafourcade interpretou perante un auditorio cheo. Neste había moitas persoas que preferirían as cancións populares con Los Macorinos, pero visitas tan pouco frecuentes obrigan a que a artista queira amosar máis etapas da súa traxectoria. Con eles, non tería sentido interpretar “Vámonos negrito”, “Palomas blancas”, “Nunca es suficiente”, “En el 2000″, Hasta la raíz”, “Lo que construimos” ou “Ella es bonita”. Porén, ela en solitario e os músicos solventes que a acompañaron si se adaptan perfectamente a “Soy lo prohibido”, “Tú me acostumbraste”, “Mi tierra veracruzana” ou “Tú si sabes quereme”. Deste xeito, as dúas horas dividíronse nun bloco “máis pop-rock” e outro máis achegado a eses clásicos enraizados na cultura popular. Sen dúbida, e malia o alto nivel interpretativo de toda a velada, a segunda parte foi máis celebrada e emocionante.

Lafourcade amosouse sempre sorrinte, doce e falou non moito pero si moi ben: de saber de onde vimos para crecer, de non perder as referencias, de sermos agradecidas … Abraiou co seu cantar e deixou unhas interpretacións en solitario de “María Bonita” (dese Agustín Lara que alterou a súa perspectiva) ou “Cucurrucucú paloma” que nunca esquecerán as persoas que se achegaron para aproveitar unha ocasión única. Como ocorre con artistas deste nivel internacional, a banda estivo á altura, regalando un acompañamento e uns solos (en especial o trompetista) que redondearon o carisma e a calidade da protagonista.

Ela non sabía de Ferrol, pero veu tocar e levou a resposta das entradas esgotadas e tanto cariño ou máis que en París, Londres, Barcelona e Madrid. Que o público manteña a curiosidade e o amor polas raíces e que as institucións sexan valentes nas súas programacións. Iso tamén sería, ademais da tremenda ovación, un recoñecemento non só para Natalia Lafourcade senón tamén para Lila Downs. a anterior e referente estrela mexicana que brillou hai uns meses no auditorio ferrolán. A mesma que tamén nos derreteu con esa “Cucurrucucú paloma” que é patrimonio da humanidade. Por certo, se esta programación de concertos sumase na candidatura desta cidade … ;-).

Pepe Cunha, 19-febreiro-2018

AXENDA

Facebook