O ciclo Selección Noroeste recibía no Teatro Colón a primeira actuación por estes lares da banda instrumental portuguesa Dead Combo. O recinto non podía ser mellor acaido para refuxiármonos dun temporal que invitaba a quedar na casa nunha noite de xoves. Un par de centos de persoas sabiamos que o esforzo pagaba a pena e saímos máis que reafirmados na nosa aposta. A fusión de estilos desde o rock e Lisboa xa ten un prestixio ben gañado.
Os cinco músicos rodéanse dunha posta en escena elegante e coidada, en especial coa iluminación e imaxes de fondo que acompañan nesta xira de presentación do seu último traballo discográfico: “Odeon Hotel”. Canda o anterior “E as Cordas da Má Fama”, o álbum recente, cheo de calidade e boa aceptación, protagonizou a maioría do repertorio. A primeira quenda totalmente: “Deus Me Dê Grana”, “Mr. & Mrs. Eleven (For Aj)”, “The Egyptian Magician (For Zé Pedro)”, “As Quica As You Can”. Visitaron entón o álbum anterior con “Rumbero”, “Rodada” e “Cuba 1970”, volveron a “Odeon Hotel” con “In a Mellotron” e nese momento quedaron soas as guitarras eléctrica e acústica para achegarse moito máis ao fado con “Esse Olhar que Era Só Teu” e “Povo que cais descalço”.
Deseguido e xa de novo a 5 músicos, seguen completando unha secuencia ben escollida, onde recuperan temas máis antigas. Soaba magnífica esa conxunción das guitarras case sempre protagonistas apoiadas nun percusionista virtuoso e inquedo, contrabaixo e saxo impecabeis e detalles de teclado ou theremin. Para completar un concerto xeneroso en minutaxe, “Dear Carmen Miranda”, “Menina dança”, … , “Theo”s Walking”, “Lusitania playboys”- que foi do máis celebrado da noite, co seu vello aire jazzy e os solos de theremin, contrabaixo, batería…- , “Desassossego” con esa guitarra que tanto lembra ao Marc Ribot máis mestizo. …
Os bises “Miúdas e motos” e “Lisboa mulata” puxeron a guinda a un pastel delicioso. Ingredientes variados, coidados e sorprendentes, sen necesidade de convencer con zucre e si con moito aire latino ben asimilado e reconstruído. Se sumamos a atractiva presenza e un son impecábel, temos o menú completo para un concerto a lembrar. Un deses que dan prestixio a un ciclo, neste caso a Selección Noroeste.
Pepe Cunha, 1-febreiro-2019