De qué está feito un grande, ou Juan Perro Trío no Auditorio de Ferrol, 26-marzo-16

Marzo 30, 2016

Teño un amigo tamén moi musiqueiro que di que asistir a concertos alonga a vida. Parecéme algo esaxerado porque a estas alturas gocei e padecín, moitas menos, de case todo en concertos, pero aproveitarei esa opinión sobre un concerto que che deixa un ánimo bon para relacionala con aqueloutra de que emocionarse é sinónimo de estar vivo. Concertos como o do Juan Perro Trío xuntan un cúmulo de sensacións para min emocionantes, revitalizantes, das que espero deixar constancia nesta crónica. E de paso xa aludín a este amigo co que comparto a admiración por artistas coma Santiago Auserón, profesionais e auténticos.

Vivimos tempos de palabras e frases das que por abusarmos delas quitamos boa parte do seu sentido ou valor verdadeiro; supoño que en pós dun postureo ou “quedar ben”. Santiago Auserón invitou a nos sentir na comodidade e proximidade do salón de casa, algo frecuente nos últimos tempos polos pequenos formatos aos que moitos artistas teñen que recorrer. Mais neste caso, fíxonos sentir que era certo, non un tópico manido. Como tamén o de se expresar agradecido por contar cun público cómplice que vén a escoitar, a coñecer cancións novas, non a cantar “himnos ou consignas”. E si, desde fans até excéptic@s saímos do concerto como cómplices satisfeit@s.

Moi poucos nomes son quen de chegar a un público diverso amosando un equilibrio tan brillante entre erudición, didactismo e entretemento, entre as músicas populares e o dominio da composición e interpretación. Afortunadamente, en Ferrol tivemos recentemente outros exemplos sobresaíntes, como os de Raúl Rodríguez e Carmen París, amig@s precisamente do noso protagonista e tamén amantes dos encontros entre diferentes latitudes, especialmente a Península Ibérica e o Caribe. Iso si, estes actuaron onde debeu facelo Juan Perro Trío, no Teatro Jofre. O Auditorio resulta grande para un concerto destas características e máis cos aforos que se manexan, o que afonda máis no mérito do artista de ter superada tal excesividade especial. As claves? Un son impecable, o repertorio ben presentado e a proximidade no trato.

Mais xa vai sendo tempo de pasar ao musical en si. Ao seu formato máis habitual a dúo (que bo recordo do seu paso pola Sala Mardi Gras !) co seu cómplice e guitarrista Joan Vinyals, unían o trompetista David Pastor. Xuntos para “redescubrir as cancións” cunha amálgama de debuxos, ornamentos, matices, contrastes de brillos e sombras e. ademais, engadir tres versións de temas popularizados por Louis Armstrong, Duke Ellington e Beny Moré. Mais tamén había elementos en contra como un catarrazo lisboeta do vocalista e algúns acenos que denotaban falla de ensaios co trompetista, pero quedaron en mera anécdota a base de sentimento, o manexo experimentado da voz e unha pericia instrumental fóra de toda dúbida.

As dúas horas darían para mencionar ducias de fermosos detalles musicais, como esa “No más lágrimas” cantanda sen micro. Foi das que non se esquecen, así como a naturalidade e a aceptación coa que entran no repertorio esas “nuevas canciones” que leva uns anos deixando na memoria d@s asistentes pero aínda non gravou en disco. Tiro da memoria e algunhas notas para non deixar de mencionar especialmente o traballo do “huracán de Levante” en “El carro” (inspirada en Compay Segundo) ou a fermosa “Mirlo del pruno”, así como a introdución do “demoni del Barrio de Gràcia” en “Pies en el barro” (Nova Orleans e Louis Armstrong) e o diálogo entre a trompeta e a guitarra dos alcumados en “Perla oscura”.

Porén, un concerto tamén ten un compoñente extramusical, de estética e discurso no que este artista pon moita importancia. A elegancia no vestir e as súas presentacións, simpáticas para o público e xenerosas cos seus inspiradores, renden a atención do público. Van en consonancia coas súas composicóns: simpáticas e eruditas, clásicas e lúcidas. Si, reconforta reencontrarse con artistas que amosan argumentos construídos a base de curiosidade, paixóns diversas, respecto e cultura, sen por iso sen menos roqueiros, canallas ou auténticos. Santiago Auserón é unha desas varas coas que medir, na que público e artistas recoñecen valores.

Pepe Cunha, 30-marzo-2016

listaxe de cancións:

“I Gotta Right To Sing The Blues”
“Río Negro”
“El forastero”
“El carro”
“Señora del mar”
“En la frontera”
“Obstinado en mi error”
“Pies en el barro”
“Mirlo del pruno”
“Ámbar”
“Luz de mis huesos”
“No más lágrimas”
“Fonda de Dolores”
“Flamingo”
“Hoy como ayer”
“Los inadaptados”
“Perla oscura”
“Reina Zulú”

bises:
“Agua de limón”
“A un perro flaco”

nas ligazóns, fotos de Pixelin Photo e programa de radio previo

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook