5 € / 4 € (anticipada) / 2,5 € (soci@s)
Non se confundan. A pel que se bate non é sempre sinónimo de represión, de castigo ou de tortura. O vento, non é sempre o que se escoita nas beirarrúas das vilas desertas, nos andares das aulas baleiras. A corda non é sempre a que serve para atar, para impedir, para non deixar entrar, para non deixar saír. Ás veces a pel que se bate está a marcar o tempo co seu bater, o vento sobe e baixa as melodías e fai respirar amodo. E a corda acompaña, dirixe e sente. Estamos a falar de música. De Outra Margem, en permanente crise de identidade. Algunhas veces non se sabe onde acaba o músico e empeza o instrumento (non hai fronteiras). De Outra Margem , probable ausente nos grandes auditorios, non citado nos grandes medios, descoñecido nas revistas que marcan as modas. Máis está científicamente comprobado que a xente que comparte a música con eles e elas, sae un pouco máis feliz. Para que é a música, se non? Oito persoas. Cinco galegos, un vasco, unha brasileira e un portugués que a música, ou acaso, algunhas afinidades e a amizade fixeron converxer e ten mantido unidos. Son: Marilú Campos (percusións), Eva Gonzalez (percusións), Raquel Domínguez (gaita, frauta, carillón), Edorta López (acordeón), Lorenzo Suárez (contrabaixo), Luis Lechuga (guitarra, cuatro), Carlos Villanueva (saxos e frautas) e Abílio Santos (voz, cavaquinho, catro, harmónica, adufe). Unha man chea de instrumentos: percusións, un contrabaixo, unha guitarra acústica, unha gaita, dous saxofóns e algunhas frautas, un acordeón, un cavaquinho, un catro, unha harmónica, un adufe. E voces para as cancións, que son moitas.