Dayna Kurtz, naturalidade e talento coma poucas. Teatro Colón, 20-xullo-2012

Xullo 23, 2012

Naturalidade e talento. Ben poderían ser estas dúas palabras coas que resumirmos o concerto de Dyana Kurtz encadrado na breve pero intensa edición 2012 do Jazz no Colón. A estadounidense está a xirar co seu álbum “Secret Canon Vol. 1”, que recupera cancións “escuras” dos 50 e finais dos 60 e cuxa interpretación a fan ben acaída para un festival coa etiqueta de jazz. Porque quen coñeciamos algo da súa carreira sabemos que o dela non se limita ao jazz, senón que manexa outros estilos da tradición estadounidense como o blues, rock, country, folk ou as baladas. E isto foi o que demostrou nun Colón con pouco máis de media entrada, se cadra por mor dunhas datas de moita oferta musical.

A primeira vista, unha vocalista nun ciclo de jazz pode traer á mente unha desas divas de voz, maneiras e posta en escena máis ou menos exquisitas ou rechamantes. Mais non é este o caso de Dayna Kurtz, probablemente máis talentosa ca outras vocalistas-compositoras que si acadan unha repercusión mediática. Ela sae cos seus músicos como se fose unha máis, con vestido e botas altas que ben poderían levar mulleres máis cercanas ao rock coma Neko Case, Sheryl Crow ou Chrissie Hynde. Pero … ai cando comeza cantar ! Nese momento non queda dúbida de que o público se vai render a esa franxa expresiva que pode chegar do murmurio ao berro cunha facilidade abraiante.

Porén, tamén manexa a guitarra, acústica ou eléctrica, con ou sen slide, e non desmerece a carón dos tres músicos ben competentes que a acompañan: Peter Vitalone no piano e hammond B3, Dave Richards no contrabaixo e o baterista Randy Crafton. Entre os catro fixeron da música o único e o todo, unha atmosfera máxica facilitada pola acústica do recinto. Non houbo máis distraccións que uns comentarios ao público ou os compañeiros de escenario, uns groliños do seu vaso de bourbon e uns pequenos contoneos cando non tocaba a guitarra. Mesmo os poucos e inevitables intres de afinación eran solventados como se nada.

Comezou interpretando o novo disco case enteiro e na mesma orde: “Do I Love You?”, “Don”t Fuck Around With Love”, “Not The Only Fool in Town”, “I”ll Close My Eyes”, “Sweet Lotus Blossom”, “If Yesterday Could Only Be Tomorrow”, “Your Fool Again”…. Deseguido, non deixou de recuperar vellos temas como “So Glad”, “Fred Astaire” do “Postcards from Downtown” 2002), “Are You Dancing with Her Tonight?” e “Hangin” Round My Boy” do “American Standard” (2010); e do “Beautiful Yesterday” (2004), “Love Got in the Way” e “Joy in Repetition”, versión de Prince para rematar o concerto principal. Coma bises, “Postcards from Downtown” e o feche coma no seu último traballo, cunha exquisita “Take Me In Your Arms”.

Tras hora e media, o público, xa coñecedor ou atraído pola curiosidade, quedou convencido e contento polo seu acerto ao apostaren ese serán de venres pola de New Jersey. Incluso quen non tivemos dose do “Another Black Feather” (2006) ! Asistir a un concerto dela é lembrarse de carismáticas voces dese abano de estilos que manexa e, aínda por riba, os seus propios textos acumulan moitísima forza expresiva. Dayna Kurtz é todo talento nun envoltorio que se amosa natural e cómodo. Nada ten que envexar a outras artistas e aí está gardando por ti para compartires este segredo case agochado.

Dayna Kurtz, 23-xullo-2012

Facebook