Davide Salvado “Lobos”

Xuño 17, 2015

Ía amodo, sen présas, ao seu ritmo, en constante aprendizaxe e consolidación da súa proposta (aldeas adiante, Ecléctica Ensemble, Budiño, a Banda das Crechas, Rústica …) até que o xurado internacional do WOMEX, a feira de World Music máis importante do mundo, o elixiu para a edición en Compostela no 2014. Até entón, só unha proposta galega tivera ese recoñecemento: Mercedes Peón no 2010. Salvado actuou na Quintana co seu espectáculo “O ladrón dos amorodos” (con Santi Cribeiro e Cristian Silva) e os medios especializados citados en Compostela constataron o acerto desta elección e a madurez da proposta.

Tras o álbum propio “Árnica pura” (2011), producido polo gran Eliseo Parra, e o proxecto puntual “Rústica” xunto a Cristina Pato, Ánxo Pintos e Roberto Comesaña neste 2015, chega un álbum co que confirmar as expectativas. O comezo fermoso de “Gargamala” xa apunta a que a instrumentación vai ser máis abondosa que n“O ladrón dos amorodos” para as dez músicas tradicionais aquí contidas. Así, o traballo de Pedro Pascual (Talabarte, Marful) cobra moita relevancia e unha escoita medianamente atenta confirma un gusto exquisito á hora de coordinar as achegas de músicos como, ademais dos mencionados, Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Talabarte, Berrogüetto …), Miguel Hiroshi, Fred Martins, Pablo Dalama (Os Cempés) ou LAR Legido (Sumrrá, Marful). A peza que titula o disco, “Liulfe”, “Gora”, “Gargamala”, “O Manso”ou “A vida” valen coma exemplos de detallismo ben ponderado. Porén, non falta unha canción na que Salvado amosa que coa súa voz e percusións xa abraia: “Só”.

Estamos ante un álbum exquisito que chega máis aló de constatar a voz e interpretación emocionantes de Davide, xa ben apreciabeis nos álbumes citados. Canda unha ornamentación rica e gorentosa, “Lobos” é amor pola tradición, pola terra, pola lingua e polas xentes, en especial por esas mulleres fortes, pandereteiras e bailadoras, nas que Davide recoñece a súa formación e aprendizaxe. É precisamente ese enraizamento tan puro, salvaxe e fermoso na súa contorna o que fai que a música de Davide non só nos chegue a nós, senón que sexa quen de tocar a xentes doutras partes do mundo. No visual, Vítor Nieves na fotografía e o deseño completa unha edición física sobresaínte.

Pepe Cunha, 18-xuño-2015

AXENDA