Davide Salvado

Novembro 20, 2016

nota.

Davide Salvado (Marín, 1981) é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida recorrendo as aldeas galegas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, se non todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais, a fía, a cestaría, a agricultura, o respeito á terra e á lingua, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música. No 2004 entra a formar parte, xunto a Ugia Pedreira (Marful), Ramom Pinheiro e Richard Rivera, do grupo Ecléctica Ensemble, formado no Consevatorio de Música Tradicional e Folque. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Xosé Manuel Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret. Así formou xunto a Pepa Yáñez a compañía Cabaret d”Aquí, que destacou cos seus espectáculos “Unha noite no muíño non é nada” e “O negro vai con todo”, neste último acompañados de Nacho Muñoz. Tamén no teatro, foi parte do elenco de “As Dunas” do Centro Dramático Galego, e do musical “Dillei”, de Carlos Blanco. Na actualidade, é voz da Banda das Crechas, grupo residente da mítica Casa das Crechas compostelana, coa que gravou o seu disco homónimo. Davide ten ademáis colaborado en varios traballos discográficos, como “Arrolos de Salitre”, o disco de cantos de berce editado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández (Berrogüetto). No 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, “Árnica Pura”, producido por Eliseo Parra. Davide Salvado está a presentar agora “O Ladrón de Amorodos”, o seu novo espectáculo a trío xunto a Santi Cribeiro e Kristian Silva, no que a voz e as percusións tradicionais teñen o protagonismo. . Inspirado nos fermosos deseños do artista William Morris, o concepto estético cumpre un importante papel neste espectáculo, sendo ao mesmo tempo cento por cento galego. Un traballo feito desde o corazón, un agradecemento a todas esas pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é.

AXENDA

20:30h.
Salason, Cangas.