Davide Salgado

Febreiro 15, 2013

5 € / 2,5 € (soci@s)
Davide Salvado (Marín, 1981) é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida percorrendo as aldeas galegas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais, a fía, a cestaría, a agricultura, o respeito á terra e á lingua, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música. No 2004 entra a formar parte, xunto a Ugia Pedreira (Marful), Ramom Pinheiro e Richard Rivera, do grupo Ecléctica Ensemble, formado no Conservatorio de Música Tradicional e Folque. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda do recoñecido gaiteiro Xosé Manuel Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret. Así formou xunto a Pepa Yáñez a compañía Cabaret d’Aquí, que destacou cos seus espectáculos Unha noite no muíño non é nada e O negro vai con todo, neste último acompañados de Nacho Muñoz. Tamén no teatro, foi parte do elenco de As Dunas do Centro Dramático Galego, e do musical Dillei, de Carlos Blanco. Na actualidade, é voz da Banda das Crechas, grupo residente da mítica Casa das Crechas compostelán, coa que gravou o seu disco homónimo. Davide ten ademais colaborado en varios traballos discográficos, como Arrolos de Salitre, o disco de cantos de berce editado por Xabier Díaz e Guillerme Fernández (Berrogüetto). No 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, producido por Eliseo Parra. Nel ofrécenos un repertorio moi variado, de músicas populares galegas e castellanas, romances, habaneras, cancións de autor… Un disco moi persoal no que Davide nos sorprende cunha escolla do que poderíamos chamar ‘as súas cancións preferidas’. Xirando aínda co espectáculo de Árnica Pura e compaxinándoo coa súa labor de docente de pandeireta e canto tradicional en diferentes escolas, Davide Salvado está xa gravando o seu novo traballo. Na primavera de 2013 verá a luz un disco cento por cento galego, no que a voz e as percusións tradicionais teñen o protagonismo, cunhas colaboracións de luxo. Un traballo feito desde o corazón, un agradecemento a todas esas pandereteiras e bailadoras maiores, mulleres fortes e anónimas, que ensinaron a Davide a ser o que é.
www.myspace.com/davidesalvado2008

AXENDA