Hai algúns estilos que enganchan con naturalidade a xente nas salas pequenas ou nun festival de rúa, onde vin por primeira vez a Regueiro. Sen dúbida unha desas sortes musicais é o chamado jazz manouche ou cíngaro, ese que inevitabelmente asociamos ao guitarrista belga Django Reinhardt e resumimos como a combinación do swing e a tradición musical xitana do leste europeo. Pois o noso protagonista é probablemente o guitarrista galego referente nesta especialidade e ademais xa conta co recoñecemento alén do país. Tras unha ducia de discos editados e presenza en moitos festivais, presenta agora un álbum executado a trío canda a guitarra de Iago Reigosa e o contrabaixo de Juyma Estévez.
Esta combinación compacta ao servizo das composicións e o virtuosismo de Regueiro dá coma resultado un álbum no que non faltan pezas que inmediatamente celebramos en consonancia coa herdanza do mestre. A que abre o disco, “Samoreau Jam”, refírese ao lugar de encontro dos fans de Reinhardt; “Blues for Django” aínda é máis explícita; “A Caravan Passing by…” ou “Swing 1918” … ningunha das cales desentonarían no seu repertorio. Porén, as seguintes escoitas son premios para quen queremos tamén algo máis que eses momentos máis agardábeis. O “Bolero desesperado”, “Areal” ou “Laberinto” amosan que Regueiro é quen de achegarnos con solvencia e curiosidade a outros estilos que poden ir desde a canción popular até a música clásica pasando por esa etiqueta ten pouco restritiva que é o jazz.
“Areal” é un disco no que a elegancia, o detalle ou o virtuosismo non están nada rifados coa accesibilidade. A calquera ouvido medianamente atento halle prestar a escoita pola calidade das composicións e o traballo dos músicos. E non só os do trío, porque tamén conta coa colaboración do clarinete de Sarunas Pupelis en “Iago”s Cat” e “Shiny Strings” e o violín de Ismael Cabaleiro no peche marabilloso que é “Laberinto”, se cadra unha mostra inequívoca de que Regueiro non pode quedar só como un guitarrista fantástico de jazz manouche.
Pepe Cunha, 14-marzo-2020