Ao guitarrista David Regueiro adoitamos citalo como un intérprete salientábel do gypsy-jazz ou jazz manouche. Mais, como amosou no seu álbum “Areal” (2020), ten habelencia abonda para levar a bo porto viaxes estilísticas máis amplas, como o swing americano, o bolero, o be-bop … Agora neste “Camiño” achégase á música tradicional, ás harmonías galegas, e faino coa liberdade do jazz e cunha formación de luxo: Pablo Castaño ao saxo, Alfonso Calvo no contrabaixo e Sergio González á batería.
Destas nove composicións orixinais, “Shiny Strings” e “Bolero desesperado” xa aparecían en “Areal”, onde as interpretacións eran maioritariamente de dúas guitarras e contrabaixo. Porén, aquí son adaptadas ao concepto global do disco: un álbum de jazz tinxido de detalles da música tradicional, de melodías, harmonías e arranxos que seica foron argallados con “Maruxa”, unha guitarra deseñada e construída especialmente para este proxecto polo luthier Carlos Sabrafén, que se ve recoñecido co “Sabrafén Blues”. Pero mellor lede a historia no bandcamp indicado ao final destas liñas.
“O camiño” non é un disco pretencioso, senón equilibrado, que funciona porque o protagonista se mantén sobre as patas onde está cómodo e recorre a músicos que entenden a idea do álbum (pensemos no “A-la-láa” de Pablo Castaño) e mesmo achegan composicións: Alfonso Calvo “Vento do Norte” e Sergio González “Caminho Português”. Ademais da boa factura do disco en xeral, cómpre mencionar unha peza cantada por Gloria Pavía: “Mulher”, unha versión do poema de Carvalho Calero con ar de bossa nova.
Pepe Cunha, 28-novembro-2021
Repertorio
1. Porta Do Camiño
2. Résolutif Swing
3. Porta Faxeira
4. Sabrafén Blues
5. Vento Do Norte
6. Mulher
7. Camiño Portugês
8. Bolero Desesperado
9. Shiny Strings