nota:
O músico norteamericano actuará no Teatro Principal da capital galega o 4 de setembro
O ciclo Baixo a Vide. Concertos con Denominación de Orixe, achega a música do artista norteamericano Damien Jurado, referencia do folk e o rock contemporáneo, ao Teatro Principal da capital galega. Un inmellorable escenario no que o cantautor de Seattle virá interpretar en solitario as cancións do seu extenso repertorio, destacando o seu magnífico derradeiro traballo Maraqopa, acollido con excelentes reseñas en medios especializados coma Rockdelux ou prensa xeralista coma EL PAÍS, mentres está a piques de publicar un novo disco.
O ciclo, que pretende achegar a cultura vitivinícola galega e propostas musicais de primeira fila, contará coa presenza e colaboración das adegas Joaquín Rebolledo, un dos máis recoñecidos representantes da D.O. Valdeorras. Por cortesía da adega, no entreacto do concerto os asistentes poderemos disfrutar dunha degustación das súas referencias servida no ambigú do Teatro.
E para abrir a noite, unha pequena xoia, xa que teremos a William Tyler, músico de Nashville e un dos favoritos da crítica internacional coma a influínte Pitchfork, que recoñece a calidade e audacia das súas composicións intrumentais compostas e interpretadas ás seis cordas da súa guitarra e recollidas no seu recente Impossible Truth.
As entradas, que xa se atopan esgotadas para a data de Ourense, están á venda en entradas.novagaliciabanco.es e na propia billeteira do Teatro a un prezo anticipado de 12€ e 15€ o día do concerto.